NOTICIA

----

O patrimonio e a violencia de xénero centran as próximas actividades do Consello da Cultura Galega

As actividades que o Consello da Cultura Galega (CCG) ten programadas para as vindeiras semanas están encamiñadas a analizar o patrimonio desde diferentes puntos de vista, ademais de volver poñer os ollos nun tema de actualidade como é a violencia de xénero. Ferrol acollerá un encontro para analizar a situación urbanística e patrimonial do seu casco urbano coa revisión do barrio da Madalena e do Ferrol vello (31 de outubro). Séguelle no tempo unha xornada para tratar o patriarcado na xustiza, que terá lugar o día 5 de novembro. Ademais, nesa mesma semana organizamos dous encontros relacionados co patrimonio: un para debullar as relacións fronteirizas con Portugal e outro para coñecer a situación actual do patrimonio dos ríos. Todas elas teñen aberto o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través do sitio web da institución.

O patrimonio centra unha parte importante da actividade do Consello da Cultura Galega para as vindeiras semanas. A primeira delas celebrarase o vindeiro día 31 de outubro, onde nos trasladamos a Ferrol para analizar un casco histórico. Dentro do noso programa “IN Situ”, que analiza intervencións no propio espazo en que se producen, terá lugar unha revisión de dous barrios centrais na configuración do tecido urbano de Ferrol, como son o da Madalena e o Ferrol vello. Os arquitectos Miguel Reimúndez, Alfonso Díaz e Ignacio Mendizábal serán os encargados de falar da participación veciñal na recuperación deste espazo, das estratexias seguidas para a súa revisión e da xestión da área de rehabilitación.
A seguinte cita falará dos ríos, unha parte realmente importante do noso patrimonio. Asociado a eles existe un patrimonio cultural non moi coñecido de muíños, batáns, ferrarías, lavadoiros, pesqueiras, presas e represas, canles laterais, pontes históricas, embarcadoiros para o paso das barcas, entre outros. Un conxunto de bens que a Administración de Galicia inventariou en 2014 (tal e como vimos no Seminario Obras Públicas e Patrimonio Cultural realizado polo CCG en 2014), que non é abondo coñecido e que agora pretendemos expoñer á cidadanía. A cita, que terá lugar entre os días 6 e 7 de novembro, conta coa presenza de figuras como a catedrática María del Mar Lozano, a arquitecta Rosa Teira, Juan Luis Rivas, profesor e director do Instituto Universitario de Urbanística, Carlos Nárdiz, Francisco Alonso ou Xoán Novoa.

Un día despois acollemos outro congreso sobre temática patrimonial, desta volta sobre patrimonio en ambas as beiras do Miño. O Consello da Cultura Galega organiza esta xornada como observador consultivo da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e con el pretende debater acerca dos conceptos de fronteira e patrimonio e como estes se mesturan nos espazos raianos, traspasándoos e constituíndo un espazo de intercambio, de creación de identidade e de novas realidades patrimoniais. Pero tamén de patrimonios que unen e que separan en función das nosas realidades político-económico-culturais. Trataremos tamén de reflexionar sobre os modelos de xestión patrimoniais axeitados a este tipo de patrimonio. A cita conta coa presenza de figuras como Miguel Areosa Rodrigues, Margarida de Magalhães Ramalho ou Luis Moreira, da banda portuguesa, e Fernando Bouza, Felipe Criado-Boado ou Iago Seara, da banda galega.

A igualdade: da música á violencia de xénero
Entre as próximas actividades hai dúas que teñen un fío común que é abordar a temática da igualdade. A primeira delas terá lugar o vindeiro mércores 25 de outubro, onde se analizará a situación das mulleres na música a partir da figura de Mercedes Goicoa. No programa poderemos escoitar a Mónica de Nut falar das influencias da súa formación musical e tamén presenciar a entrevista-conversa que Uxía Senlle e María Xosé Porteiro manterán coa concertista de piano, docente e crítica musical Mercedes Goicoa. A cita pecha a golpe de música, da man da regueifeira Alba María Rodríguez e do pianista Federico Mosquera.

A seguinte actividade arredor desta materia celebrarase o 5 de novembro e continúa unha senda xa transitada polo Consello da Cultura para falar sobre a violencia de xénero. Se o ano pasado se tratou o ciberacoso na mocidade, desta volta o programa céntrase en analizar a igualdade desde a xustiza, en garantir a seguridade e a integridade de mulleres e menores, lonxe da tradición e dos hábitos sociais do patriarcado. O programa defende que “a cegueira do patriarcado, que determina moitas decisións xudiciais, e a súa invisibilización son circunstancias que nos retrotraen a tempos que quereriamos imaxinar pasados, nos que o prezo da liberdade dunha muller era a perda da custodia dos seus fillos e fillas. Hoxe en día, a xustiza está a aceptar argumentos acientíficos como a “Síndrome de alienación parental” ou as obxeccións á universalidade da custodia compartida, que consolidan o prexuízo das mulleres como seres perversos, que instrumentalizan aos seus fillos e fillas contra a figura paterna”.