NOTICIA

----

Unha xornada analiza mañá a música e as mulleres a partir da figura de Mercedes Goicoa

Foi unha pioneira, unha muller destacada no ámbito musical. No seu dilatado currículo destaca o feito de ser a primeira muller en presidir unha Real Academia, entre moitos outros méritos. Chámase Mercedes Goicoa e a súa figura, e o que representa para a música e tamén para as mulleres, é obxecto dunha xornada que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita pode seguirse en directo desde o web da institución e nela participan figuras como Laura Quintillán, Mónica de Nut, Uxía Senlle, Maximino Zumalave ou Lucía Martínez. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita coordinada por María Xosé Porteiro e Alba María Rodríguez.

“Foi un modelo para as mulleres músicas” afirma Alba Rodríguez, unha das coordinadoras da xornada “Mercedes Goicoa. Música dun tempo”, ao lembrar a importancia da súa figura nun oficio moi pouco recoñecido como é o da música. “Mercedes foi unha chave que abriu a porta a todo un contexto como foi o da música en Galicia para as mulleres” apunta a coordinadora. Por iso, desde a Comisión de Igualdade confeccionaron un programa que serve tanto para lembrar e dar a coñecer a vizosa traxectoria de Mercedes Goicoa, como tamén para explicar o contexto da música en Galicia desde unha perspectiva de xénero. “Queremos abrir unha porta moi clara ao presente e ao futuro a partir da figura de Mercedes” explicou Alba Rodríguez.

O programa
Maximino Zumalave é o encargado de ofrecer a conferencia inaugural, que dará paso á primeira das dúas mesas que centran esta xornada. “É a mesa central no sentido que queremos falar do presente, contar que está ocorrendo agora e como vemos o futuro como mulleres profesionais” apunta a coordinadora. Moderadas por Xosé Ramón Pousa Estévez, nela participan a polifacética Mónica de Nut, cantora, actriz, música e mestra de música infantil, que falará da súa traxectoria; a etnomusicóloga Xulia Feixóo, que falará das músicas invisibles e das mulleres na tradición; canda elas, a compositora e jazzista Lucía Martínez desmontará convencións e fará unha reflexión sobre a vida de música. Esa mesa complétase coa participación de Belén Bermejo, produtora, cantante, música e xurista.
Na sesión da tarde hai programada outra mesa con mulleres máis veteranas. “Son as que fixeron traballo a nivel micro, fundamental e relevante para entendérmonos a día de hoxe” asegura Alba Rodríguez. Nela están presentes Laura Quintillán, que foi violinista e mestra e unha persoa relevante para a música en Galicia, que falará xunto con Maruxa Baliñas, Ángeles Feixoó, Laura Quintillán, Nanina Santos Castroviejo.

Por último, pecha a cita unha intervención musical con dúas actuacións ben diferenciadas. Dunha banda estará Alba Rodríguez, que fará, segundo di, “improvisación oral baseándome nas palabras que me dea a xente”. Da outra banda estará o pianista Federico Mosquera, que foi alumno de Mercedes Goicoa e serve así de mostra do legado deixado por ela.

Para a coordinadora, “a clave é crear consciencia e conciencia, que aconteceu no noso pasado próximo e que sexa unha especie de revulsivo para loitar polos nosos dereitos como mulleres e como músicas”.

Mercedes Goicoa, unha vida para a música
“Se a día de hoxe aínda vemos prexuízos para as mulleres que teñen a música como oficio, imaxina como era na época de Mercedes, que, con dezaseis anos, era concertista con figuras recoñecidas” afirma Alba María Rodríguez. Deste xeito tan gráfico poden entenderse varios dos méritos que encerra a traxectoria de Mercedes Goicoa. Foi unha excelente profesional e, ademais, unha pioneira. Ao ser a primeira muller en dirixir unha das trece Reais Academias que existen en España, concretamente a Real Academia Nosa Señora do Rosario, e, ademais, con ela a música entrou por vez primeira na presidencia da institución. A súa biografía está repleta de pequenos fitos: deu o seu primeiro concerto con dez anos, graduouse no Conservatorio Superior de Música de Madrid co primeiro Premio Fin de Carreira, Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e Premio Extraordinario de Virtuosismo. Con dezaseis anos era concertista por todo o mundo, coñeceu e tivo contacto profesional con figuras tan destacadas como Salvador Carise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes.
En 1963 comezou a dar clase no Conservatorio da Coruña, onde traballou até a súa xubilación en 1993 e creou unha inconfundible escola pianística. En 1986 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes, onde foi a súa presidenta durante tres mandatos, nos que teimou en conservar e poñer a disposición da sociedade o inmenso legado patrimonial que albergaba a institución. Nesta etapa creou tanto o Arquivo da Música de Galicia (que recolle a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX) como o Arquivo de Imaxes.

Xornadas de homenaxe
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo da Comisión de Igualdade do CCG, coordinada por María Xosé Porteiro, e que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega. Xoana Torres, María Josefa Wonenburger, Olga Gallego, Tareixa Navaza, Mabel Rivera, Mary Quintero, Xela Arias e Luisa Villalta ou Kathleen Nora March foron algunhas das anteriores homenaxeadas.

Outras noticias que che poden interesar