NOTICIA

----

As dificultades para as mulleres músicas abordouse na xornada no Consello da Cultura Galega que homenaxeou a Mercedes Goicoa

A paixón pola música, a devoción por Arthur Rubinstein e o placer de ensinar música son algunhas das características definitorias da traxectoria de Mercedes Goicoa, a figura á que hoxe se lle dedicou a xornada que organiza anualmente a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita supuxo tamén unha homenaxe ás mulleres e á música na que profesionais e creadoras deste sector aproveitaron para expoñer a súa situación profesional. A cita foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou os dez anos de traballo que a institución leva traballando por visibilizar o traballo de mulleres.

“A clave desta cita foi crear consciencia e conciencia, que aconteceu no noso pasado próximo e que sexa unha especie de revulsivo para loitar polos nosos dereitos como mulleres e como músicas” expuxo Alba María Rodríguez, coordinadora desta cita xunto con María Xosé Porteiro.

As mulleres e a música en Galicia

Dúas mesas redondas serviron deron pé a que músicas que traballan en Galicia expuxeran en primeira persoa a súa situación. Pola mañá, Xosé Ramón Pousa coordinou unha mesa redonda titulada "As novísimas" onde as novas voces da música perfilaron a súa situación actual. Mónica de Nut falou de fíos invisibles, título que deu lugar a un dos seu traballos, á hora de falar da rixidez das estruturas que afectan á súa profesión. Nesa liña tamén se situou Lucía Martínez, quen deixou ver que a participación das mulleres nalgún festival responde a un criterio de cota mulleres, máis que á calidade musical. Polo demais, Belén Bermejo, como produtora musical puxo enriba da mesa unha situación preocupante, cunha escasa presenza feminina. A etnomusicóloga e percusionista Xulia Feijoo foi máis positiva e destacou que na tradición oral as mulleres son dobremente importantes como depositarias e como transmisoras pero tamén recoñeceu que están escasamente visibilizadas por ser mulleres e cotiás. Na súa experiencia, o papel da muller na tradición oral está “como informantes pero tamén como receptora e transmisora no contexto da sociedade actual”.
Na sesión da tarde foi o momento das máis veteranas. “Son as que fixeron traballo a nivel micro, fundamental e relevante para entendérmonos a día de hoxe” asegura Alba Rodríguez. Nela estiveron presentes Laura Quintillán, que foi violinista e mestra e unha persoa relevante para a música en Galicia, que falou xunto con Maruxa Baliñas, Ángeles Feixoó, Laura Quintilláne Nanina Santos Castroviejo.

A figura Mercedes Goicoa
O gran nome propio foi o de Mercedes Goicoa de quen María Xosé Porteiro destacou na inauguración que reúne "todos os méritos profesionais e persoais para ser homenaxeada. É a primeira muller en estar á fronte dunha Real Academia, un feito tan inédito como raro". Ademais, aproveitou para pedir que hai que facer un empoderamento e recoñecemento do papel das mulleres. Para Alba Rodríguez, a outra das coordinadoras, “Goicoa foi un modelo para as mulleres músicas” ao lembrar a importancia da súa figura nun oficio moi pouco recoñecido como é o da música. “foi unha chave que abriu a porta a todo un contexto como foi o da música en Galicia para as mulleres” apunta.

O perfil máis persoal e humano perfilouno Maximino Zumalave, quen fixo un emotivo repaso por toda a súa traxectoria. “Sobriña da cantante Honoria Goicoa, curmá de Eugenio Granell, alumna de Pilar Castillo... estas influencias foron clave na súa formación académica” explicou. Zumalave quixo destacar a importancia de profesionais e docentes como Goicoa para dar continuidade entre as antigas xeracións e as novas.
Pola tarde, Uxía Senlle e María Xosé Porteiro conversaron coa propia protagonista que explicou en primeira persoa a importancia de marchar a Madrid e a París a formarse. “Alí o conservatorio e o ambiente da cidade cambiaron completamente a miña vida” explicou Goicoa que sempre estivo marcada por un interese moi marcado pola docencia.


Mercedes Goicoa, unha vida para a música
“Se a día de hoxe aínda vemos prexuízos para as mulleres que teñen a música como oficio, imaxina como era na época de Mercedes, que, con dezaseis anos, era concertista con figuras recoñecidas” afirma Alba María Rodríguez. Deste xeito tan gráfico poden entenderse varios dos méritos que encerra a traxectoria de Mercedes Goicoa. Foi unha excelente profesional e, ademais, unha pioneira. Ao ser a primeira muller en dirixir unha das trece Reais Academias que existen en España, concretamente a Real Academia Nosa Señora do Rosario, e, ademais, con ela a música entrou por vez primeira na presidencia da institución. A súa biografía está repleta de pequenos fitos: deu o seu primeiro concerto con dez anos, graduouse no Conservatorio Superior de Música de Madrid co primeiro Premio Fin de Carreira, Premio Extraordinario de Piano María del Carmen e Premio Extraordinario de Virtuosismo. Con dezaseis anos era concertista por todo o mundo, coñeceu e tivo contacto profesional con figuras tan destacadas como Salvador Carise, Luis Galve, María Victoria de los Ángeles ou Narciso Yepes.

En 1963 comezou a dar clase no Conservatorio da Coruña, onde traballou até a súa xubilación en 1993 e creou unha inconfundible escola pianística. En 1986 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes, onde foi a súa presidenta durante tres mandatos, nos que teimou en conservar e poñer a disposición da sociedade o inmenso legado patrimonial que albergaba a institución. Nesta etapa creou tanto o Arquivo da Música de Galicia (que recolle a obra de compositores galegos ou residentes en Galicia dos séculos XIX e XX) como o Arquivo de Imaxes.
Os datos biográficos e toda a documentación da súa traxectoria vital e profesional está xa na cartografía que elaborou Mariam Mariño, técnica da Sección de Igualdade e que xa se pode consultar no Álbum de Mulleres.

Xornadas de homenaxe
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo da Comisión de Igualdade do CCG, coordinada por María Xosé Porteiro, e que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega. Xoana Torres, María Josefa Wonenburger, Olga Gallego, Tareixa Navaza, Mabel Rivera, Mary Quintero, Xela Arias e Luisa Villalta ou Kathleen Nora March foron algunhas das anteriores homenaxeadas.


Consulta a cartografía