NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega inaugurará o 7 de novembro “Alba de Gloria”, a exposición sobre o último gran discurso de Castelao

San Domingos de Bonaval abrirá as súas portas o vindeiro 7 de novembro para acoller a exposición “Alba de Gloria”, que recrea e explica o coñecido discurso de Castelao. A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Manuel Gago, pretende plasmar, dun xeito inédito en Galicia e empregando tecnoloxía innovadora, a alocución que Castelao pronunciou en 1948 en Bos Aires e que encerra en si mesmo dous grandes valores: por unha banda, ser unha peza clave para a oratoria en lingua galega e, por outra, ser tamén unha alocución fundamental na traxectoria de Castelao, na que recrea unha especie de Santa Compaña galega ao enumerar as figuras relevantes que axudaron a configurar a cultura galega.

“Alba de Gloria” foi o derradeiro discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Alba de Gloria é un discurso en que cita as grandes figuras esenciais na configuración da cultura galega. Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarca decapitado”, e o “gran Don Ramón” (Valle-Inclán), trázase unha Santa Compaña que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país. Con todo, o discurso tamén fai fincapé na importancia do pobo, da tradición da xente anónima na configuración da nosa identidade.
A mostra estará aberta ata o 3 de febreiro en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).