NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega analiza mañá en Ferrol a rehabilitación de dous barrios emblemáticos

A segunda cita dos encontros IN SITU que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) trasládase mañá a Ferrol para poñer sobre a mesa a situación de dous barrios destacados da cidade: Ferrol Vello e o Barrio da Madalena. Este programa pretende poñer o foco na situación de cascos históricos e analízaos nunha xornada que se desenvolve na propia localidade. A cita comeza ás catro da tarde no Ateneo Ferrolán e participan arquitectos como Miguel Reimúndez González, Ignacio Mendizábal Herrero ou Alfonso Díaz Revilla. Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, e Teresa Nieto serán as encargadas de inaugurar este encontro.

O segundo dos encontros “IN SITU. Conxuntos históricos” trasladarase a Ferrol mañá para analizar, en contraste, dous barrios fundamentais da fisionomía da cidade ferrolá. Son, en palabras do intelectual ferrolán Alfredo Vigo Trasancos, “unha especie de binomio imprescindible inmerso nun contexto de crise urbana que se prolonga dende hai décadas”. Esta condición dá pé a analizar e confrontar a aplicación nos dous barrios das estratexias e criterios de recuperación establecidos dende a lexislación, o planeamento e as políticas públicas de rehabilitación, así como a súa capacidade de adecuación a esas realidades.
O primeiro dos relatorios está a cargo do arquitecto Miguel Reimúndez, que fala da participación veciñal no recoñecemento patrimonial e na recuperación de Ferrol Vello e da Madalena. Séguelle Alfonso Díaz Revilla, que se centra nas estratexias levadas a cabo ao abeiro dos plans especiais. Completa a revisión Ignacio Mendizábal Herrero, arquitecto da Oficina de Rehabilitación de Ferrol, para falar da xestión da área de rehabilitación.

IN SITU. Cambio de formato
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrearon en setembro unha nova variante do formato que levaba a etiqueta de IN SITU. A coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco Rotea, explicou que esta variante dos Encontros xorde por dúas necesidades: “dunha banda porque son temas recorrentes como é o dos conxuntos históricos” e, da outra, porque “facilitará que a comunidade local, á que lle afecta e lle interesa este tema, poida participar”. A coordinadora da Sección insiste no feito de que este tipo de formato pretende analizar certos aspectos desde o punto de vista do patrimonio pero tamén desde a habitabilidade de espazos en que vive a cidadanía.
Con IN SITU preténdese abordar diferentes tipos de modelos. O primeiro caso analizou exclusivamente a rehabilitación no casco histórico de Vigo. Despois desta revisión do caso de Ferrol, a cita trasladarase a Ourense e Ribadavia para estudar dous cascos históricos, vistos a través de vinte anos de experiencia na xestión patrimonial. Seguirá a análise dos modelos de xestión patrimonial das cidades históricas de Guimarães e de Braga. Este formato pechará en Compostela, cunha reflexión xeral da experiencia da xestión dos conxuntos históricos con varias propostas de futuro.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.