----

Unha xornada do Consello da Cultura analiza o patriarcado na xustiza

O Consello da Cultura Galega acolle o vindeiro luns 4 de novembro unha xornada destinada a coñecer como funcionan as estruturas patriarcais na xustiza. Un asunto de actualidade que se pode apreciar en numerosas sentenzas xudiciais, algunhas incluso moi mediáticas en relación cos menores. A xornada conta coa presenza de profesionais do ámbito da psicoloxía e da xustiza, que ofrecerán novos puntos de vista sobre un tema de gran relevancia social. A cita chámase “O patriarcado na xustiza” e poderase seguir en directo desde o web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Esta xornada insírese nunha liña de traballo que desde hai tempo vén realizando o Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión específica, a Sección de Pensamento e Sociedade busca abrir o debate e reflexionar sobre a xustiza, un dos piares que deben garantir a seguridade e a integridade de mulleres e menores, lonxe da contaminación de séculos de tradición e hábitos sociais do patriarcado. Para iso buscaron un programa que analizase as estruturas patriarcais que hai detrás de moitas decisións xudiciais, para detectalas e ver como actúan.

O programa
Para esa ocasión, a Sección de Pensamento e Sociedade deseñou un programa que se asenta en dúas conferencias e unha mesa redonda para conseguir un diálogo máis fluído e produtivo. Da primeira das mesas encárgase Sonia Vaccaro, psicóloga clínica, perita forense experta en vitimoloxía e violencia de xénero, cun relatorio titulado “A xustiza como instrumento da Violencia Vicaria: a ideoloxía da suposta síndrome de alienación parental (sSap) e a custodia compartida imposta”.
Despois, Paz Filgueira, a xuíza experta en violencia de xénero, tratará a problemática existente arredor do réxime de custodia en menores, concretamente naqueles casos de violencia de xénero. A xuíza falará da Lei do menor aprobada no ano 1996 e das súas sucesivas reformas.
As dúas relatoras participarán no coloquio posterior, que permitirá ofrecer unha visión máis detallada destes asuntos.

Antecedentes
Esta xornada continúa o ronsel iniciado o pasado ano, cando reflexionamos sobre o ciberacoso na mocidade; daquela, diferentes expertos alertaran do incremento de casos de ciberacoso, ao tempo que pedían aos medios de comunicación unha información moito máis reflexionada e pensada. Daquela ata se lle deu voz a tres mulleres acosadas e maltratadas, que permitiu poñer un relato emotivo e persoal tras un día de cifras.