NOTICIA

----

Expertos analizan desde mañá a riqueza patrimonial dos ríos no Consello da Cultura Galega

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do noso territorio. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do noso imaxinario cotián non sempre ben recoñecido. Sobre eses muíños, lavadoiros, batáns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a xornada “A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos”, que terá lugar mañá e pasado no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita será inaugurada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga. A xornada pódese seguir en directo desde o web do CCG.

Unha nova ollada sobre o territorio a partir dos espazos naturais e a súa conexión por corredores fluviais e infraestruturas verdes permite novas experiencias para coñecer o noso patrimonio cultural. Aprender delas é un dos obxectivos da xornada que mañá comeza e que se materializa nas conferencias que compoñen o programa. É o caso de María del Mar Lozano, Rosa Teira e Juan Luis de las Rivas, que falarán da explotación e xestión patrimonial das ribeiras dos ríos Texo en Estremadura, Tyne en Newcastle e mais o caso da zona de Segovia e Valladolid.

Pola tarde, Xoán Carmona, catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha perspectiva máis concreta ao falar do patrimonio industrial dos ríos en Galicia.
Pecha este primeiro día unha mesa redonda para falar da posta en valor do patrimonio cultural dos ríos, na que intervirán todos os participantes.
A sesión do mércores pon sobre a mesa outro exemplo de análise para a posta en valor dun patrimonio concreto. É o caso das fortificacións modernas do Miño, que explicará a coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco Rotea. Despois intervirá Carlos Nárdiz, profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña, para falar da paisaxe dos ríos.

Pecha a xornada unha mesa redonda onde diferentes profesionais tratarán o tema da xestión do patrimonio cultural dos ríos en Galicia. Moderados por Iago Seara estarán Francisco Alonso, do Grupo de Investigación Síncrisis da USC; Roberto Árias, de Augas de Galicia; Teresa Nieto, arquitecta da Xunta de Galicia, e Xoán Novoa, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Antecedentes
Esta xornada segue o ronsel doutra cita realizada en 2014 que se titulou “Patrimonio cultural e obras públicas”. Naquela ocasión, a propia Administración galega explicou que dispuña dun inventario do patrimonio cultural dos ríos, aínda que fose por consideracións hidráulicas máis que patrimoniais, pero que nos serve de punto de partida para reflexionar nesta xornada.