O Consello da Cultura recrea o universo de “Alba de Gloria” de Castelao a través da realidade virtual

“Alba de Gloria” foi un discurso representativo para a cultura galega por numerosos motivos. Primeiro porque recrea unha singular “santa compaña”, unha grande procesión das figuras determinantes na creación da identidade de Galicia. Segundo, porque é o mellor e máximo expoñente da retórica en lingua galega. Pero tamén porque é o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Cando se cumpren os setenta anos da súa alocución, o Consello da Cultura Galega recupera a súa significación na exposición “Alba de Gloria”, e faino dun xeito inédito. A través de sistemas de realidade virtual e recreacións sonoras e visuais, os visitantes poderán vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do propio Castelao. A mostra, con comisariado de Manuel Gago, inaugurarase o vindeiro mércores 7 de novembro en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarco decapitado” e o “Gran Don Ramón (Valle Inclán)” trázase a poderosa imaxe visual dunha santa compaña, que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país. Son un total de sesenta e unha personalidades e figuras ás que Castelao gozou de gran plasticidade e forza visual. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros menos coñecidos ccomo Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro, San Dámaso.. Todos eles plasmados por Castelao ao xeito dunha procesión de inmortais ao xeito de santa compaña da mitoloxía popular, cuxo ton se recupera na propia exposición.

O discurso encerra asi mesmo outros valores, xa que o propio Castelao destaca a importancia desas grandes figuras da Historia ao tempo que indica que é no pobo, na tradición, onde reside o pouso da verdadeira identidade da cultura galega.

Reconstrución multimedia
Un dos aspectos máis destacados da mostra é a conceptualización, xa que non se trata dunha exposición de paneis, senón que emprega tecnoloxía avanzada para ofrecer unha experiencia, unha inmersión no universo plástico e simbólico que percorre Castelao no seu discurso. Para a exposición “Alba de Gloria” apostouse por converter á igrexa de San Domingos de Bonaval nun espazo que permite coñecer as orixes e os significados do discurso e compartir a emoción dos asistentes á súa primeira lectura en 1948. A través de interpretacións dramatizadas, dun labirinto coas figuras do discurso a tamaño real, de infografías interactivas e dun sistema de realidade virtual inmersiva, os asistentes mergullaranse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega realizado por Castelao.
Entre o desafío tecnolóxico da exposición está a reconstrución da propia figura de Castelao, que interactuará cos visitantes na experiencia virtual. Para a súa realización, empregouse toda a documentación gráfica, audiovisual e plástica dispoñible sobre a súa figura ata crear un modelo tridimensional e dixital moi preciso do Castelao do ano 1948. Canda el, moitas outras figuras da historia de Galicia mencionadas no discurso tamén son recreadas e animadas na experiencia, aínda que cun menos nivel de detalle.

A inauguración
“Alba de Gloria” foi o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Gallego realizado no Teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, un 25 de xullo de 1948. Cúmprense agora os 70 anos dese discurso que se traslada á cidadanía cun discurso expositivo diferente e empregando novidosa tecnoloxía multimedia para mergullarnos nese universo plástico recreado por Castelao. A mostra poderá verse ata o 3 de febreiro en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).