NOTICIA

----

A directora xeral da CPLP visita Galicia da man do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) é, desde o ano 2016, observador consultivo da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP). No marco desta relación, o CCG organiza ata mañá o congreso “Patrimonio e fronteira”, que se desenvolve en Compostela. Ademais, promove unha serie de visitas que está a facer estes días a directora xeral da CPLP, Georgina Benrós de Mello.

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa CPLP e a Universidade do Minho, acolle ata mañá un congreso que pretende poñer enriba da mesa as semellanzas e as diferenzas na xestión e explotación do patrimonio a ambos os lados do río Miño. Unha cita que inauguraron esta mañá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora xeral da CPLP, Georgina Benrós de Mello; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, Rebeca Blanco Rotea. Na inauguración, as diferentes autoridades fixeron fincapé na necesidade deste tipo de encontros para coñecer a forma de xestionar o patrimonio común, pero tamén as diferenzas e aprender desa maneira de traballar.

Axenda da visita
Alén da súa participación no congreso internacional, Georgina Benrós de Mello ten unha completa axenda nos tres días que dura a súa visita. Na xornada de hoxe entrevistouse cos integrantes dos catro grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. Pola tarde está prevista unha xuntanza cos reitores das tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade da Coruña) e outra coa Academia Galega da Lingua Portugesa. Ademais, terá un encontro con Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, no que asinará no libro de honra da institución.

Mañá venres continúa as visitas institucionais cunha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Ademais, tamén ten prevista unha xuntanza co presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

A CPLP
A Comunidade dos Países de Língua Portuguesa é un foro multilateral creado en 1996 e orientado á cooperación entre os seus membros. Nela participan todos os Estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e con intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos.

O status de observador consultivo que ten o CCG supón que Galicia pode estar presente nas xuntanzas temáticas da CPLP, intercambiar información dentro desa rede de Estados e entidades internacionais e servir de ligazón permanente entre a CPLP e a cultura e a lingua galegas. O Consello da Cultura Galega foi aceptado como observador consultivo da CPLP no ano 2016.