----

Expertos inciden na cooperación para a xestión das fronteiras nun congreso do Consello da Cultura

“As fronteiras producen fronteiras” afirmou Felipe Criado na súa conferencia no marco do congreso internacional “Patrimonio e fronteira” que se desenvolveu ata hoxe en Compostela. A cita puxo enriba da mesa a necesidade dunha maior cooperación entre os Estados e a necesidade de implicar a comunidade local na xestión patrimonial. “Existen evidencias que o modelo actual vai mudar e a actitude que teñamos hoxe vai marcar o futuro” dixo Criado ao tempo que outros profesionais insistían en buscar motivacións máis alá do turístico e do económico. A cita foi organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e a Universidade do Minho.

“O proceso de cambio nas fronteiras está marcado pola contradicción de que os actuais Estados se están pechando para controlar o movemento de persoas mentres que ninguén discute o libre movemento de capitais” asegurou Felipe Criado nunha intervención titulada “Patrimonio sen fronteira”. Nela, Criado puxo a metáfora da carreira espacial para entender a evolución da xestión das fronteiras. “Antes competían as grandes potencias hexemónicas e agora son empresas privadas nun sector onde só os novos estados son os que deseñan proxectos espaciais” explicou. Na súa opinión cómpre superar as fronteiras porque estamos a perder un papel importante en xeopolítica internacional “Cada vez que temos fronteiras, a xestión patrimonial transfronteiriza tórnase máis difícil porque, unha vez creadas, estas se reforzan: as fronteiras producen fronteiras” apuntou. Ollando cara o modelo Europeo, Felipe Criado explicou que o Brexit “é algo máis que unha fronteira entre o Reino Unido e o Resto de Europa, está a xerar un efecto de Castelo de Naipes na Unión Europea”.

Ademais, Criado apelou á necesidade de ter unha política europea común porque a problemática é tamén común a todos. Puxo sobre a mesa o exemplo da Serra do Laboreiro, territorio transfronteirizo rico en mámoas, para poñer en evidencia a necesidade de traballar de xeito conxunto. “Por moi boa vontade que haxa e tendo en conta o principio de subsidiaridade, polo cal a competencia debe ser resolta pola autoridade máis próxima ao obxecto do problema, debe haber unha cesión unha política europea clara e decidida para que a xestión non quede no espazo do ideal. Cómpre licuar as fronteiras” puntualizou Criado.

A súa intervención pechou día e medio de congreso no que se puxo enriba da mesa as semellanzas e diferenzas entre os modelos de xestión de patrimonio. Nunha primeira mesa, na que participaron Miguel Areos e Margarida de Magalhaes do lado portugués e Iago Lestegás máis Iago Seara do lado galego, serviu para ver como o patrimonio serve para vehicular o pasado co presente e a necesidade de significación e valoración.
Na mesa “Fronteiras que separan” deuse un salto atrás no tempo, ata a guerra da Restauraçao na que se produciu un proceso de fortificación con varios proxectos levado a cabo nesta liña. Unha situación que analizaron Rebeca Blanco Rotea pola banda galega, e Luís Moreira e Luís Fontes pola parte portuguesa.