O Consello da Cultura lembra mañá a influencia de Karl Marx no bicentenario do seu nacemento

Cúmprense douscentos anos do nacemento dun pensador de influencia histórica: Karl Marx. Unha efeméride que a Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) aproveita para fixar os ollos no seu legado e reivindicar a súa vixencia. Juan Carlos Monedero, Francisco Sampedro, Clara Rama e Ramón Máiz son algúns dos relatores dunhas xornadas que arrincan mañá na sede da institución. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita xunto cos dous coordinadores, Ramón Máiz e Jorge Álvarez Yágüez. A cita pódese seguir en directo desde o sitio web corporativo e a nosa canle de Youtube.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

As xornadas “Karl Marx. 1818/2018” pretenden conmemorar o bicentenario do nacemento deste pensador de xigantesca influencia histórica. “Non é esaxerado afirmar que algunhas das súas ideas forman parte de nós e que sexamos nalgún aspecto marxianos sen sabelo, como somos galileanos noutro campo, e que tamén, dalgún modo, algo dos nosos marcos vitais remita a el” indica a presentación dun programa coordinado por Ramón Máiz e Jorge Álvarez Yágüez.

O programa
As xornadas arrincan cun relatorio de Ramón Máiz que afonda sobre o Marx dos escritos políticos. Deseguido, baixo o título de “Gáñase o goberno, non o poder. A selectividade estratéxica do Estado e a crise do neoliberalismo” intervirá Juan Carlos Monedero, quen deixará a palabra ao filósofo Francisco Sampedro para falar de cuestións complexas como son o proletariado e a subxectividade.

Pola tarde, a profesora Clara Ramas, da Universidade Católica de Valencia San Vicente Mártir, intérnase en conceptos como o fetiche, o neoliberalismo e a comunidade, para establecer a relación entre o mundo das cousas e o mundo dos vínculos. Amplía o foco Francisco Martínez, da Universidade Nacional de Educación a Distancia, para reflexionar sobre o eurocentrismo de Marx cunha ollada aos seus escritos sobre América Latina.

As xornadas rematan o mércores, cun relatorio de Montserrat Galcerán, do Concello de Madrid, sobre a reprodución do capital e sostemento do vivir: o conflito capital/vida. Os relatorios da mañá continúan con Carlos Fernández Liria, da Universidade Complutense de Madrid, quen falará sobre a vixencia e a actualidade de Marx, do seu pensamento e da súa obra. Pola tarde, José Luis Moreno Pestaña, da Universidade de Granada, fala de “Marx e o desfalco dos corpos”. E remata Félix Ovejero, da Universitat de Barcelona, co título “Marx entre ciencia e ética”.

Sección de Pensamento e Sociedade
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández e África López Souto. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger ou Albert Camus.

Outras noticias que te poden interesar: