NOTICIA

----

O Consello da Cultura celebra en Vilalaba o centenario da Asemblea das Irmandades da Fala

“Nós nomeámonos, dende oxe e para sempre, nazonalistas galegos”, así se autodefiniron un grupo de asistentes á I Asemblea Nacionalista de Lugo, que tivo lugar en Vilalba o 17 de novembro de 1918. Nesa xuntanza aprobouse o Manifesto ao Pobo Galego, que deu paso ao nacionalismo galego e foi o un dos fitos das Irmandades da Fala. O Consello da Cultura Galega (CCG) volve a esta localidade lucense cen anos despois para conmemorar aquela xuntanza e analizar o que supuxo da man de diferentes especialistas. A cita comeza mañá cunha proxección audiovisual e remata o sábado cunha ofrenda floral perante o monólito conmemorativo daquela asemblea.

Unha conferencia, unha mesa redonda, unha proxección audiovisual e un acto simbólico conforman o programa dunha actividade que pretende lembrar a relevancia dunha cita histórica, ao tempo que recuperar a figura de Lois Peña Novo, un dos artífices das Irmandades e natural de Vilalba. Os actos comezan coa proxección dun audiovisual, ao que lle segue unha conferencia de Ramón Villares, ex-presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e catedrático de Historia, sobre o centenario da I Asemblea das Irmandades da Fala. Ao día seguinte terá lugar unha mesa redonda na que participan Uxío Breogán Diéguez, Alberte Currás Gato, Emilio Xosé Ínsua e Manuel Roca para dar conta do papel de Lois Peña nesta asemblea e no propio movemento das Irmandades. Despois da actuación musical de Pizzicato Trío, haberá unha ofrenda floral perante o monólito conmemorativo da constitución da Irmandade da Fala de Vilalba.
A significación da Asemblea no seu contexto
Hai dúas explicacións que dan conta da representatividade e a relevancia desta asemblea. Dunha banda, a importancia da aprobación do Manifesto ao Pobo Galego, que senta as bases do que ha de ser entendido como o nacionalismo galego: a reivindicación da Autonomía integral para Galicia, reformas legais económicas e administrativas e unha posición favorable á federación das nacións ibéricas, nas que Portugal desenvolvía un papel esencial. Doutra banda, a súa relevancia no contexto histórico, xa que foi un momento de grandes mudanzas para a Europa contemporánea: loita irlandesa contra o Reino Unido, revolución soviética e fin da I Guerra Mundial, coa difusión dos 14 principios de W. Wilson, entre os que destacaba o referente á autodeterminación dos pobos.

Lois Peña Novo
Lois Peña Novo foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala e un especialista no estudo e análise da realidade socioeconómica galega da época. Nado en Vilalba, estudou no Seminario de Mondoñedo e cursou despois Dereito na Universidade compostelá, onde coñeceu a Lois Porteiro Garea, outra figura destacada das Irmandades da Fala.
As súas primeiras actividades públicas están ligadas ao xornal vilalbés El Ratón. A incorporación plena ao galeguismo de Lois Peña Novo produciuse en 1917, nas campañas rexionalistas inspiradas por Francesc Cambó. Así mesmo, participou na campaña electoral de 1918, na redacción do programa nacionalista que foi aprobado na asemblea de Lugo e publicou o proxecto da Mancomunidade Galega, que se vería interrompido pola chegada da ditadura de Primo de Rivera (1923).

Revisión das Irmandades da Fala (2016-2018)
O Consello da Cultura Galega comezou en 2016 un programa para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala. Aquela proposta estendíase entre 2016 e 2018, coincidindo co centenario do nacemento e expansión deste movemento. Durante estes tres anos celebráronse outros tantos congresos internacionais que permitiron contextualizar o fenómeno das Irmandades nun plano galego, estatal, europeo e na súa relación coas diásporas. No marco desta conmemoración, o CCG abrirá en decembro unha exposición titulada “Son de Galicia”, que recupera a creatividade e a relevancia que tiveron as sociedades corais no tempo das Irmandades.