NOTICIA

----

Expertos destacan a vixencia dos postulados económicos de Marx nunhas xornadas do Consello da Cultura Galega

“Houbo unanimidade en recoñecer que a análise económica do capital feita por Karl Marx segue plensamente vixente case dous séculos despois” asegurou Jorge Álvarez Yagüez, coordinador xunto con Ramón Máiz das xornadas “Karl Marx, 1818/2018” que conmemoraban o bicentenario do nacemento dun pensador de grande relevancia histórica. A cita abordou tamén outros aspectos como a cuestión ecolóxica e a tecnolóxica.

Durante dous días expertos de diferentes ámbitos do pensamento reflexionaron e debateron no Consello da Cultura Galega que aspectos da obra de Marx seguen a ter plena vixencia e cales non. “Houbo unanimidade en aspectos concretos como os postulados económicos de Marx que serven perfectamente para entender a crise económica que estamos a pasar” indicou Jorge Álvarez. Ademais, este coordinador quixo destacar que “un home do século XIX, que provén de obrerismo, publicou unha obra cimeira como é O Capital que segue vixente porque o capitalismo chegou a un nivel de descontrol e de desregulación sen igual” engadiu. Onde houbo menos consenso foi na visión sobre o que o socialismo era inevitable ou a idea da clase obreira como protagonista dos proceso históricos.

Con todo, dentro de todos os relatorios tamén suscitaron ideas apuntadas por Marx que agora adquiren unha nova dimensión. “Dunha banda a cuestión ecolóxica e, da outra, a contradición da tecnoloxía. Se son as máquinas as que fan o traballo, debería haber tempo libre en lugar dunha maior dependencia desas máquinas”.

Esta cita pretendía conmemorar o bicentenario do nacemento deste pensador de influencia histórica, pero tamén recoñecer que “algunhas das súas ideas forman parte de nós e que sexamos nalgún aspecto marxianos sen sabelo, como somos galileanos noutro campo, e que tamén, dalgún modo, algo dos nosos marcos vitais remita a el” tal e como se indicaba na presentación do programa.

O programa
A sesión de hoxe mércores comezou con José Luis Moreno Pestaña, quen fixo un relatorio a propósito da marxinación social en función do corpo, da apariencia física. Desde un punto de vista filosófico e aproveitando a vixencia do pensamento de Marx, estableceu unha análise sobre a inserción do corpo físico no traballo. Recoñeceu que existen estereotipos sobre a beleza, a delgadez e a súa integración no proceso produtivo do sistema capitalista. Recoñeceu que existe unha marxinación social en función do corpo, da súa utilización por parte de empregadores.

A primeira xornada do programa tivo un carácter moito máis amplo, que permitiu situar a Marx na confrontación entre Europa e América, analizar o proletariado ou o feetichismo nesa relación entre o mundo das cousas e o mundo dos vínculos. Un dos relatorios que máis expectativas espertou foi o de Juan Carlos Monedero quen afirmou que “empregarei a Marx para explicar p0rqué a esquerda lle custa máis defender o seu modelo que á dereita”. Partiu por debuxar un perfil de Marx que definiu como “máis humano”, coa necesidade dun postulado útil e pragmático da súa obra. “O Estado é unha cousa pero tamén un suxeito que ten vida propia e intereses vencellados ás clases dominantes” apuntou ao tempo que engadiu que o Estado “é unha relación social que ten que ver co que Marx Plantexa sobre o capital e que, para min, é unha máquina de construír pensamento”. Na súa opinión, “historicamente o capital gañou sobre o traballo, os home sobre as mulleres, o centro sobre a periferia e as elites brancas sobre outro compoñente racial”.

Sección de Pensamento e Sociedade
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández e África López Souto. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger ou Albert Camus.