Aberta a inscrición dos encontros IN SITU, que analizan a rehabilitación dos cascos históricos de Ribadavia e Ourense

O Consello da Cultura Galega (CCG) trasládase a vindeira semana a Ourense para acoller a terceira das citas do seu programa IN SITU. Nesta ocasión preténdese coñecer a evolución dos cascos históricos de Ourense e Ribadavia vistos a través de dúas décadas de experiencia na xestión patrimonial. A cita, coordinada por Rebeca Blanco Rotea e Teresa Nieto, terá lugar no centro José Ángel Valente (rúa do Paseo, 20. Ourense). A inscrición pódese facer a través do sitio web do CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Ourense e Ribadavia acumulan vinte anos de xestión patrimonial dos seus conxuntos históricos cunha estrutura operativa na que se engaden ao Plan Especial de protección, a declaración 1998-1999 das áreas de Rehabilitación integrada no ámbito dos conxuntos históricos e as oficinas de rehabilitación creadas para a súa xestión. Aínda que parten de características e problemáticas dispares, sobre esta realidade procurarase reflexionar nesta cita. Para iso, desde a Sección de Patrimonio preténdese xuntar profesionais implicados no proxecto de rehabilitación xunto cos habitantes que viven nestes espazos nun contexto de diálogo.

IN SITU. Cambio de formato
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrearon en setembro unha nova variante do formato que leva a etiqueta IN SITU. A coordinadora da sección, Rebeca Blanco Rotea, explicou que esta variante dos Encontros xorde por dúas necesidades: “por unha banda, porque os conxuntos históricos son un tema recorrente e, pola outra, porque facilitará que a comunidade local, á que lle afecta e lle interesa este tema, poida participar”. A coordinadora da Sección insiste no feito de que este tipo de formato pretende analizar certos aspectos desde o punto de vista do patrimonio pero tamén desde a habitabilidade, dos espazos nos que vive a cidadanía.
Con IN SITU preténdese abordar diferentes tipos de modelos. O primeiro caso analizou exclusivamente a rehabilitación no casco histórico de Vigo. Despois da revisión ao caso de Ferrol, a cita trasládase a estudar dous cascos históricos: Ourense e Ribadavia, vistos a través de vinte anos de experiencia na xestión patrimonial. Seguirá a análise dos modelos de xestión patrimonial das cidades históricas de Guimarães e de Braga. Este formato pecha en Compostela, xa en 2019, cunha reflexión xeral da experiencia da xestión dos conxuntos históricos e con varias propostas de futuro.

Outras noticias que te poden interesar: