NOTICIA

----

Aberta a inscrición dun encontro que analiza a situación dos espazos para a arte en Galicia

A situación da arte en Galicia así como as estratexias de futuro para espazos artísticos son os eixes sobre os que pivota a xornada “Os espazos culturais da arte en Galicia: estado da cuestión” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, que terá lugar o vindeiro 11 de decembro, ten aberto o seu prazo de inscrición a través do sitio web do CCG.

A Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega organiza unha xornada en que pretende valorar e analizar a situación actual dos espazos artísticos en Galicia. Este encontro está motivado por dous feitos: o primeiro é a desaparición e o cambio de rumbo dalgunhas institucións claves na modernización da arte contemporánea na Galicia das últimas décadas, e o segundo ten que ver cos efectos da crise económica que están a condicionar a xestión, a programación e a calidade destes espazos. A xornada, ademais de ofrecer unha análise descritiva, tamén pretende reflexionar acerca dos modelos de actuación.

Ramón Rozas, Aurelia Balseiro, Anxo Lorenzo, Silvia García, Antón Patiño, Mónica Alonso, Luis Sirvent ou Manuel Vilariño son algunhas das persoas que participarán neste encontro.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade
do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013; creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia.