NOTICIA

----

Un informe recomenda regular e impulsar uns principios xerais para a contratación de postos directivos na cultura

O 35% dos directivos de centros culturais de Galicia escóllense por libre designación; o 29% por concurso público, un 9% por outros mecanismos regulados e no 23% dos casos restantes descoñecemos a fórmula empregada. Son algunhas das cifras do “Informe sobre a provisión de postos directivos no ámbito cultural” que acaba de facer público o Consello da Cultura Galega. O documento establece unha serie de recomendacións para este tipo de postos, como a necesidade de que a Administración impulse principios xerais que regulen a contratación de directivos da esfera pública, que se fomente replicar iniciativas como os “códigos de boas prácticas” e que se teña en conta nun proceso de selección un proxecto de xestión que actúe como guía ou programa de actuación.

O Consello da Cultura Galega acaba de elaborar un informe que analiza a situación dos postos directivos no ámbito cultural en Galicia. O estudo realizado a través do Observatorio da Cultura Galega contabiliza 88 postos directivos de 58 espazos e equipamentos culturais, entre teatros, auditorios, bibliotecas, centros culturais, arquivos, formacións musicais e fundacións. Da mostra desbotáronse os centros exclusivamente privados e os que non teñen directivos profesionais, aínda que si se incluíron aqueles de xestión privada nos que a maioría dos membros dos órganos de goberno fosen representantes de administracións públicas.

Contabilizamos un total de 88 postos directivos: un 79% de ámbito público e un 21% de carácter privado. A maior parte deles sitúanse na provincia da Coruña e son a cidade herculina e Santiago de Compostela, con 19 e 24 postos, as cidades que contan cun maior número de postos directivos. Séguenlle Ourense con 8, Vigo con 6 e mais Pontevedra e Lugo con cinco respectivamente. A maior parte destes postos de traballo dependen principalmente da Administración autonómica, seguida pola municipal e a provincial. En canto á tipoloxía dos postos directivos, máis da metade figuran como directores (54,5%), seguidos por coordinadores (23,9%).
Os postos de traballo das administracións públicas están suxeitos a diferentes normativas legais e estes deben designarse por determinados sistemas de provisión, sempre regulados en función da normativa de contratación para as administracións públicas. O informe indica que existe unha grande heteroxeneidade nas fórmulas empregadas, ao tempo que nos centros de titularidade privada existe unha menor regulación e unha maior falta de transparencia nos procedementos. Segundo este documento, en 23 casos, un 26% do total analizado, non foi posible atopar información sobre os procedementos empregados para a contratación. No resto dos exemplos, a libre designación foi a fórmula máis empregada (35,2%), seguida do concurso público (un 29,5%).

As recomendacións
O documento establece unha serie de recomendacións para as administracións públicas. En primeiro lugar, o deber de impulsar un debate para estudar en profundidade a complexidade do fenómeno da provisión desde unha perspectiva legal e política. O informe incide en que “é desexable que o lexislador impulse sequera algúns principios xerais que regulen a provisión de postos directivos nas entidades culturais que dunha ou doutra maneira administran a esfera pública”. Ademais, establece que é “desexable avanzar na transparencia no referente á contratación dos directivos” e que sería pertinente que a “Administración fomentase replicar iniciativas como os “códigos de boas prácticas”, con recomendación nos procesos selectivos.

Situación dos principais equipamentos culturais de Galicia
Unha parte central do informe está orientado a ofrecer unha radiografía precisa sobre a provisión de postos directivos nos principais equipamentos culturais galegos. Como norma xeral, a titularidade do espazo inflúe de forma importante na xestión das infraestruturas en función do marco xurídico aplicable. Os equipamentos de titularidade privada están afectados pola lexislación mercantil e societaria e os de titularidade pública dependen da lexislación específica: desde a Lei do patrimonio cultural de Galicia, á de bibliotecas e arquivos e de fundacións. Así, sucede que as bibliotecas da Rede Galega de Bibliotecas resolven por convocatoria pública de libre designación a provisión de cargos directivos e algunhas bibliotecas universitarias por un concurso de méritos entre o funcionariado dese corpo.

Estrutura do informe
O documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega estrutúrase en cinco partes. Na primeira realízase un resumo, a partir da bibliografía relacionada co ámbito de estudo, dos principais modelos de xestión de equipamentos culturais, dos perfís profesionais da xestión cultural e dos contidos fundamentais dos códigos de boas prácticas relacionados coa provisión de postos directivos no eido da cultura. Nel destácanse os tres modelos de xestión: directa, indirecta e participativa así como a falta dunha definición dun modelo común de xestión.
No segundo apartado defínese o marco xurídico que afecta as entidades culturais no relativo á provisión de postos directivos. Neste aspecto, destaca que “é a peculiaridade deste sector a que obriga a deseñar un tratamento específico por parte da acción pública e a realizar unha análise, desde o punto de vista xurídico, que permita sentar as bases de debate para revisar os procedementos seguidos para a cobertura destes postos de dirección”.
No terceiro apartado elabórase unha relación de entidades culturais galegas así como de espazos culturais de referencia. A partir desa enumeración trátase de identificar os postos directivos que aparecen nos seus organigramas, independentemente da natureza deles. Unha vez identificados, intentouse coñecer o sistema de provisión do posto cando foi posible. E, por último, o cuarto apartado consiste nunha breve explotación estatística dos resultados da investigación.