NOTICIA

----

Un encontro analiza mañá a situación dos espazos artísticos no noso país

“Os espazos culturais da arte en Galicia: estado da cuestión” é o título da xornada que mañá celebra o Consello da Cultura Galega (CCG) e na que pretende saber cal é a situación e cales son as estratexias de futuro para espazos artísticos no noso país. A cita, que se poderá seguir en directo desde o web da institución, será inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Durante un día, diferentes expertos e profesionais, convocados pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, realizarán unha valoración e unha análise da situación actual dos espazos artísticos en Galicia. Este encontro está motivado por dúas situacións: dunha banda, a desaparición e o cambio de rumbo dalgunhas institucións claves na modernización da arte contemporánea na Galicia das últimas décadas, e, da outra, os efectos da crise económica que están a condicionar a xestión, a programación e a calidade destes espazos. A cita está coordinada por Ramón Rozas, Sofía Santos Pérez e Rosario Sarmiento.
A xornada articúlase en dúas sesións. Na da mañá, analizarase a situación actual dos espazos artísticos en Galicia. Nela, Ramón Rozas, licenciado en Historia da Arte pola USC, comisario, crítico de arte e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG, ofrecerá un relatorio titulado “A quebra das ilusións”. Deseguido, terá lugar unha mesa redonda moderada por Ramón Rozas na que participan a artista Mónica Alonso, a museóloga Aurelia Balseiro e a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Silvia García.

Pola tarde falarase do futuro. Comezará Antón Patiño cun relatorio xeral e despois terá lugar unha mesa redonda na que estará o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o coleccionista Luis Sirvent e o fotógrafo Manuel Vilariño.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013; e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.