NOTICIA

----

A mostra Son de Galicia recoñece o labor histórico e cultural dos coros galegos

Son de Galicia non é só unha exposición sobre catro formacións musicais que aínda permanecen activas; é unha mostra que recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. Está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e peneira nos arquivos dos catro coros históricos (Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral De Ruada e mais Cantigas e Agarimos) para reconstruír a historia de Galicia. A exposición, presentada en rolda de prensa esta mañá, inaugúrase no serán (19:00 horas) pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director-xerente de Afundación, Pedro Otero; o comisario, Miguel Anxo Seixas; e os representantes dos catro coros. A mostra poderase ver na sede de Afundación da Coruña ata o 26 de xaneiro, desde onde itinerará por outras cidades galegas.

A través de trinta paneis é posible reconstruír a historia destas catro formacións de xeito individualizado, ao tempo que se pode facer unha lectura moito máis ampla que permita recoñecer o traballo común destas formacións: nomeadamente o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a preocupación por conservar a lingua así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. Ademais dos paneis, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dedicarase un espazo para material audiovisual, que permitirá ver imaxes históricas destas sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

Os coros galegos
A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro “Aires da Terra”, composto por un gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e a da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. En conclusión, “Aires da Terra” supuxo a orixe e o modelo en que se reflectiron todos os coros que chegaron despois e que tiñan unha intención explícita de reivindicar unha identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Por iso é dos primeiros paneis dunha exposición que sinala as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período comparten varios denominadores comúns: unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político, un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade pero, sobre todo, unha toma de conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no caso de que se poida considerar deste xeito á Galicia ruralizada da época. Ademais, tamén tentaron crear un modelo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo; un teatro afeccionado non exento de tenzóns e retesías internas.

A exposición permite ver tamén outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: un tipo de teatro afeccionado no que os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e no tempo libre que as súas vidas lles permitían; a solidariedade, xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas solidarias de Galicia e de fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a favor da construción de monumentos a figuras representativas da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... A mostra tamén dá conta dunha faceta como embaixadores da cultura galega a través de máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo, como Lorient, Brest, Madrid, Bos Aires, Suíza, Venezuela ou Londres.

Itinerancias e programa complementario
A mostra exhíbese primeiro na Coruña, onde en 1916, liderada por Mauricio Farto e vencellada á intelectualidade das Irmandades da Fala, se creou “Cántigas da Terra”. O itinerario continuará despois polas tres cidades en que se xestaron os outros coros aínda activos: Ferrol, na que un grupo de obreiros e funcionarios medios fundaron en 1914 “Toxos e Froles”; Ourense, a través da formación en 1918 da “Coral De Ruada”, que acubillou a un grupo de intelectuais e que pronto tivo unha rápida proxección exterior; e Compostela, onde fiel á tendencia doutros grupos con sección de coro, cadro de teatro e baile se fundou en 1921 “Cantigas e Agarimos”.
Ademais do discurso expositivo, está previsto que en cada cidade a mostra se complemente cun amplo e variado programa de actividades que inclúe conferencias, exhibicións de baile e concertos. O programa darase a coñecer coa presentación da mostra en cada unha das itinerancias previstas.

O programa no marco das Irmandades
Dun xeito festivo, esta exposición vén poñer o ramo definitivo a unha serie de actividades que o Consello da Cultura Galega celebrou entre 2016 e 2018 para conmemorar o centenario do nacemento e expansión do movemento das Irmandades da Fala. Aquela proposta posibilitou a celebración de tres congresos internacionais que nos permitiron contextualizar o fenómeno das Irmandades nun plano galego, estatal, europeo e na súa relación coas diásporas.