----

Recupérase a figura de José Baldomir coa publicación das súas Melodías galegas

Boa parte da obra de José Baldomir non está localizada e a que está figura dispersa en copias manuscritas ou en edicións de difícil acceso. Por iso, a publicación Melodías galegas de José Baldomir que o Consello da Cultura Galega presenta esta tarde é de gran relevancia na recuperación do patrimonio musical galego. A presentación terá lugar no salón de actos da Real Academia Galega de Belas Artes e contará coa participación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a autora da publicación, Margarita Viso Soto, e do pianista e director Maximino Zumalave. Entre todos eles darán conta da relevancia da recuperación desta figura cimeira do rexurdimento musical galego.

A música de José Baldomir está moi presente no noso imaxinario popular en obras como “Maio longo”. É o máis novo dunha serie de compositores relevantes do rexurdimento musical abandeirado por figuras como Pascual Veiga, Xoán Montes, José Castro “Chané” ou Marcial del Adalid. Agora, a publicación que se presenta esta tarde permite coñecer unha imaxe máis precisa do autor e da relevancia da súa obra. O volume recolle partituras, apéndices documentais e materiais biográficos sobre este recoñecido compositor galego. Ademais, na propia presentación terá lugar un concerto a cargo de Margarita Viso e María José Ladra, que interpretarán melodías do autor e que servirá para amosar a calidade da súa obra.

Este volume
“Melodías galegas de José Baldomir” consta dunha introdución, a cargo de Pilar García Negro, unha biografía, uns apéndices documentais, obra e materiais gráficos que ilustran o traballo deste destacado compositor. A autora do traballo, Margarita Viso, explica que a través destas duascentas páxinas se “pode ver que as melodías que compuxo son melodías da súa época, coas características dunha linguaxe propia da súa época, posromántica cunha liña harmónica nidia e clara”. Ademais, incide no feito de que Baldomir era moi galeguista e investigou o folclore galego, e ese substrato da música popular tamén afloraría na súa música. “Baldomir era algo máis novo que todos os grandes compositores do momento, pero pola súa forma de ser e a súa arte, é o cumio da melodía galega do rexurdimento”, puntualizou.

“A música galega é unha parte importante da nosa identidade, está moi vencellada á poesía e penso que os poetas galegos non terían a mesma importancia se non fose co concurso da música e despois os compositores foron os que popularizaron os poemas galegos”, destaca Margarita Viso cando alude á relevancia do autor e, polo tanto, tamén á da publicación.

José Baldomir
“Baldomir é un dos músicos importantes da cultura galega e responde ao perfil do típico músico que traballa nunha cidade como A Coruña, onde dá clase, dirixe coros, compón e está moi metido na cultura do seu tempo”, explica Maximino Zumalave, director e pianista así como membro de número da sección de música da Real Academia Galega de Belas Artes.
Nado na Coruña en 1867, Baldomir é coñecido principalmente polas súas producións para canto e piano sobre textos de poetas galegos. Tivo unha intensa actividade como director de orfeóns (dirixiu O Eco e O Brigantino) e de orquestras (Sociedad Bretón de los Herreros e Hijas de María) que combinou co seu labor docente na Escola de Belas Artes da Coruña. Foi nomeado académico de número da Academia Provincial de Belas Artes (1905), académico correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1922) e numerario da Real Academia Galega en 1941. Ten musicado poemas de autores senlleiros como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez, e contribuíu a popularizar a literatura destas figuras nunha xira que realizou en 1906 por numerosas cidades de España, Portugal e Francia.

O compromiso co patrimonio musical galego
A recuperación do patrimonio musical é unha constante de traballo do Consello da Cultura Galega. Dunha banda, a través de publicacións como a que hoxe se presenta e que permite que o lectorado dispoña de partituras e materiais sobre compositores relevantes, como foi o traballo de recuperación da obra musical de Rosendo Salvado ou a “Música para os seis poemas galegos de Federico García Lorca”. Da outra, co encargo de obras para cada un dos concertos institucionais, “Concerto das Letras Galegas” e “No bico un cantar”, e que están a disposición do público no noso sitio web.