Ampliada ata o 3 de marzo a exposición “Alba de Gloria”

O 7 de xaneiro de 1950 morría en Bos Aires, Alfonso R. Castelao. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora cunha visita institucional á exposición “Alba de Gloria. Unha experiencia” que recrea o último gran discurso que pronunciou Castelao. Alí, ademais de poñer un ramo perante a tumba do intelectual rianxeiro, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, informou que ante a demanda da cidadanía a exposición amplía o seu prazo de apertura ata o 3 de marzo. Ademais, anunciou que se está a traballar nas itinerancias desta mostra que comezarán no segundo trimestre do ano.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Consello da Cultura Galega quixo lembrar a relevancia de Castelao aproveitando unha data tendo en conta que se cumpren 69 anos do seu pasamento. Despois dunha ofrenda floral, a actual e a anterior comisión executiva percorreron, guiados polo comisario, a exposición. Antes da visita, a presidenta da institución indicou que entre o 7 de novembro e o 4 de xaneiro pasaron por San Domingos de Bonaval para ver “Alba de Gloria” 5 587 persoas. A maior parte delas galegas (un 65%), aínda que existe un amplo número de visitantes de fóra (un 35%), chegando a maior parte de Arxentina (20%), Brasil (18%), Italia (15%) e Francia (12%). O programa didáctico que acompaña a exposición cubriu o seu aforo nos primeiros días. Das cen visitas ofertadas, que permitirán o acceso a un total de 2 500 escolares, xa pasaron pola mostra uns 1 250 alumnos chegados de concellos moi dispersos do país: Salceda de Caselas, Coristanco, Rianxo, Melide, Gondomar, Ribeira, Celanova, Culleredo ou Cotobade, entre outros. As visitas didácticas estaban dirixidas a escolares de secundaria e bacharelato cun percorrido duns 45 minutos de duración.
A mostra foi concibida cun marcado carácter participativo. Algo que se pode apreciar na propia configuración da mostra, na que se insta ao visitante que indique quen falta no discurso. Despois de 3 383 votantes, propuxéronse uns 250 nomes da política, cultura e sociedade de Galicia. A día 4 de xaneiro o ránking está liderado por Castelao (co 10,1% dos votos), seguido de Maruxa Mallo (7,3%) e María Pita (6%)). Ánxel Casal, Ana Kiro, Pucho Boedo, Ramón Piñeiro, Carlos Casares ou Maruxa e Coralia, entre outros.
Ademais, no marco da visita institucional a presidenta aproveitou para lembrar a necesidade dun panteón de Galicia, idea sobre a que o Consello da Cultura Galega ten traballado previamente, concretamente en 2011 cando presentou a súa proposta de Lei do Panteón de Galicia.
Alba de Gloria: un discurso, e unha exposición
O discurso que Castelao constrúe e que posteriormente se coñeceu como “Alba de Gloria” é unha alocución que enumera as grandes figuras da cultura galega. Arrinca coa figura de Prisciliano, ao que Castelao chama o “heresiarco decapitado” e remata co “Gran Don Ramón (Valle Inclán)”. En total son sesenta e cinco figuras e persoeiros que se contan ao xeito dun gran mito popular como é o da Santa Compaña. Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros menos coñecidos como Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou San Dámaso.
A mostra ten unha parte central que é a experiencia, na que o visitante a través dunha gafas de realidade virtual nas que pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade. Ademais da experiencia hai un labirinto, sala das palabras, árbore das historias e unha serie de paneis que permiten contextualizar o discurso.
Ademais, conta cun labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e que constrúe un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia coa forma do mito máis popular do imaxinario galego como é a Santa Compaña.

A Sala das Palabras é un apartado que permite escoitar unha lectura dramatizada do discurso e mergullarse nos discursos da época. Preténdese, deste xeito, contextualizar a alocución de Castelao e trasladar a significación que tiña naquel contexto un discurso. A exposición ofrece fragmentos de discursos de Maruxa Boga, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego.

A Árbore das historias plasma dun xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.
Ademais, tamén ten unha parte que permite ver a xenealoxía do propio discurso “Alba de Gloria” que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando. Hai tamén unha contextualización histórica e un infográfico interactivo de big data para poder coñecer a evolución da presenza en textos escritos da gran0des figuras da historia que pasaron a forma parte do imaxinario e a identidade do país.