----

O Consello da Cultura reforzará en 2019 a acción exterior e a renovación institucional

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou o programa de actividades para 2019. Entre elas figura o Concerto das Letras Galegas, que este ano correrá a cargo da orquestra SondeSeu; a colaboración institucional para a recuperación da figura de Antón Fraguas; unha maior innovación nos formatos de actividades así como o reforzo das actuacións en acción exterior e emigración. Nesta última liña, sitúase a exposición “Os adeuses”, en Ellis Island (Nova York), que se inaugura o vindeiro de 9 de febreiro e irá acompañada dun variado programa cultural. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou na súa intervención a relevancia do papel asesor do CCG.
O Consello da Cultura reforzará en 2019 a acción exterior e a renovación institucional

A acción exterior e a emigración terán neste 2019 unha grande importancia nas liñas de traballo do Consello da Cultura Galega. O arranque terá lugar o 9 de febreiro, coa inauguración da exposición “Os adeuses”, que documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América, nun lugar emblemático para os movementos migratorios como é Ellis Island. Este illote é moi coñecido por ser, durante a primeira metade do século XX, a principal entrada dos inmigrantes que chegaban aos Estados Unidos de América, por iso a mostra ten especial relevancia. Acompañando á exposición, haberá un variado programa cultural, pensado para situar a cultura galega neste emblemático espazo. Ademais, en relación con estas liñas de acción, o Consello da Cultura Galega traballará na redacción dun Plan Director, no que buscará darlle un pulo destacado á creación dun Museo da Emigración.

Para o desenvolvemento do programa de actividades, así como para o funcionamento ordinario da institución, o Consello da Cultura Galega conta para este ano cun orzamento de 2 679 233 euros, 132 008 máis que en 2018. Con esa cantidade preténdense manter as liñas de traballo habitual e buscarase unha maior renovación nos formatos e unha maior transversalidade para chegar a novos públicos. Esta liña de anovación arrincou en 2018, cando se renovou o 52% dos integrantes do Plenario, Arquivos, Seccións e Comisións e que terá a súa translación aos formatos e propostas de actividade.

Nas actividades destacan unha xornada sobre “papel cero”, a creación dun foro de pensamento mensual con personalidades galegas, unha xornada sobre mulleres e antropoloxía así como a continuidade de proxectos xa consolidados como os Encontros co patrimonio cultural e as xornadas de igualdade. Neste ano, o CCG organizará os concertos institucionais habituais: o Concerto das Letras Galegas e o formato didáctico-musical “No bico un cantar”. A institución tamén desenvolverá, en colaboración con outras entidades, numerosas accións arredor da cultura patrimonial, en clara homenaxe ao legado de Antón Fraguas neste campo.
Na sesión plenaria, a presidenta destacou que xa se iniciaron os traballos de preparación das actividades a medio prazo, con especial atención ao Xacobeo, e as homenaxes á xeración Nós, á figura de Concepción Arenal ou ás Cantigas de Afonso X.

Ademais, entre as liñas de actuación para este ano figura darlle unha maior difusión ás exposicións elaboradas polo Consello da Cultura Galega. Dunha banda está “Alba de gloria”, a mostra que presenta dun xeito innovador as sesenta e catro personalidades que Castelao citou no seu célebre discurso político que pronunciou o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires e que comezará a súa itinerancia en Rianxo. Non será a única mostra que percorrerá novos destinos, xa que “Son de Galicia”, que trata das sociedades corais que impulsaron e promoveron a normalización da lingua e da cultura propia nos tempos das Irmandades da Fala, pechará as portas na Coruña para transitar por Ferrol, Santiago e Ourense; son as localidades nas que se asentan os catro coros históricos que permanecen activos hoxe en día. A exposición achega documentación variada que abrangue partituras, vestiario, escenografía, libretos… que dan conta da súa faceta musical e teatral.

No marco da intervención do Presidente de Honra da institución, Núñez Feijóo destacou o relevante papel desenvolvido polo Consello da Cultura Galega na súa función asesora, nomeadamente no informe que serve de base para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega que prepara o Goberno galego. Nesta mesma liña, a institución realizará e presentará ao longo do ano varios informes sobre temáticas variadas, como a presenza da muller na cultura galega ou a situación do sector audiovisual.

Actividade de 2018
No transcurso da sesión plenaria tamén se deu conta da actividade desenvolvida pola institución no ano saínte. En total, en 2018 realizáronse 94 actividades, nas que participaron 346 relatores. O 2018 foi un ano especialmente destacado na elaboración de informes: ademais do citado por Feijóo na súa intervención, presentouse un arredor da provisión de postos directivos nas institucións culturais, outro sobre o Museo de Arte Carlos Maside e un referido ao Centro Gallego de Bos Aires; tamén se elaboraron oito informes para a declaración de BIC e 47 de avaliación de impacto ambiental.