O Consello da Cultura Galega e o ILG recollen en Antroponimia e lexicografía a riqueza dos apelidos galegos

Rodríguez é o apelido máis común en Galicia con 237.000 usuarios. Hai máis de 21.100 apelidos que teñen un único portador. Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán ou Manselle son algúns apelidos en perigo de extinción. Son cuestións que recolle Antroponimia e lexicografía, a publicación que elaboraron o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) e que se deu a coñecer esta mañá. A presentación contou coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou a calidade das diferentes contribucións. Canda ela estaban o director do ILG, Xosé Luís Regueira, e a editora do texto, Ana Isabel Boullón. Esta monografía, que xa se pode descargar desde o web do CCG, pretende contribuír a afondar no coñecemento dos apelidos en Galicia.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Estamos ante unha obra que reúne unha serie de traballos realizados por algúns dos mellores especialistas nos seus ámbitos e que procura avanzar no coñecemento científico dos apelidos en xeral, con especial atención aos apelidos galegos”. Así definiu Ana Isabel Boullón a publicación Antroponimia e lexicografía, que parte do Simposio do ILG do ano 2016 e na que figuran estudos sobre a elaboración doutros dicionarios, o proxecto de Dicionario dos apelidos galegos e outras achegas realizadas desde Galicia sobre esta materia.

Dicionarios da contorna
A publicación que hoxe se presentou pretendía reunir diferentes contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos da nosa contorna cultural. Deste xeito, pretendíase coñecer de primeira man as dificultades e facilidades que outros autores tiveron á hora de enfrontarse a un dicionario de apelidos como o que se está a elaborar en Galicia. Tal e como explica a coordinadora da publicación, Ana Isabel Boullón, “permitiunos ver o rigor, a documentación e as dificultades que atoparon outros investigadores nunha situación semellante”.
No volume destacan os contributos de Patrick Hanks, autor de varios dicionarios de apelidos no ámbito anglosaxón (nomeadamente Irlanda, Bretaña e os Estados Unidos), e Alda Rossebastiano, que analiza a antroponimia dunha zona transfronteiriza de Italia. Tamén se recollen as achegas Dieter Kremer, impulsor do proxecto PatRom (acrónimo de Patronymica Romanica), que, segundo a profesora Boullón, “lle deu pulo aos estudos antroponímicos en toda a Europa románica e reflexiona sobre as complexidades da pescuda onomástica”. Completa esta revisión da contorna un texto de Cristina García Gallarín sobre a confluencia entre antroponimia, toponimia e léxico común.

Un dicionario sobre os nosos apelidos
A día de hoxe, o ILG ultima a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos. Ana Isabel Boullón destacou na presentación, que “é un proxecto que non ten parangón no ámbito lingüístico hispánico”. Nel recolleranse aqueles apelidos que teñen máis de 30 ocorrencias, que supoñen unhas 5800 formas que abranguen o 97% da poboación. Na publicación hai un artigo completo sobre este proxecto e nel achéganse datos como que hai máis de 21.000 formas que teñen un único portador (apelidos estranxeiros, variantes minoritarias de apelidos frecuentes, erros tipográficos, estandarizacións modernas dalgún nome ou mesmo formas en período de extinción). Todos os apelidos e nomes de Galicia son posteriores á romanización e non hai ningunha forma nova desde 1870. Boullón tamén explicou que un 17% dos apelidos actuais proceden da castelanización de apelidos galegos que se produciu desde o século XVI.

Outras achegas
O resto das achegas están enfocadas a diversos aspectos do estudo dos apelidos galegos. Gonzalo Navaza pescudou sobre a orixe de apelidos ata agora pouco explicados como son Cosmede, Andrade, Cividáns/Cividás, Paraxó); Luz Méndez explicou as dificultades derivadas da influencia da gheada e do seseo na transmisión dos apelidos pola interferencia da ortografía castelá (como en Bugueiro/Buxeiro, Gamardo/Xamardo). Pola súa parte, Xosé María Lema proseguiu a súa investigación sobre a onomástica da parroquia de Berdoias (Vimianzo) e aquí examinou os apelidos durante o século XVII. Finalmente, o último dos estudos constitúe unha aproximación nova a este tema; Valentina Formoso e Ana Iglesias aproximáronse ao valor simbólico dos nomes e apelidos, é dicir, á relación entre o apelido e a identidade. Para este tipo de análise, inédito en Galicia, empregouse a técnica do grupo de discusión entre xente nova.

Antecedentes
A publicación forma parte da colección “Ensaio&Investigación” e é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega (ILG), que se remonta ao ano 2000.