A sesión permitiu comparar situacións e problemas en áreas económica, demográfica e culturalmente tan diferentes como Galicia, Catalunya e Brasil. O director e profesor brasileiro Carlos Gerbase falou sobre “Os circuitos do cinema de baixo orzamento en Brasil” e lamentou a falta de sitio nas pantallas grandes para o cinema independente. Salientou asemade a dependencia que o sector ten das leis de incentivos fiscais e os condicionamentos das majors e os eshibidores.
O crítico e profesor Miguel Anxo Fernández expuxo o relatorio “Para un Informe sobre lingua e audiovisual en Galicia”, baseado nun informe, aínda inédito, encargado en 2005 polo Consorcio do Audiovisual de Galicia. Falou da necesidade de dispoñer de máis salas, dunha rede pública de salas, aproveitando os espazos dispoñibeis e amosouse partidario de respectar as versións orixinais e recurrir máis ás lendas e aos subtítulos que á dobraxe.
Ton Lladó, director do Institut catalá de les industries culturals (2007-2011), explicou os pasos dados para pasar “da posta en escena á posta en práctica da Llei do Cinema de Catalunya”.
A xornada continuou a reflexión aberta no Consello da Cultura Galega o pasado 26 de outubro co debate sobre “Os medios impresos e electrónicos en rede en galego. Panorama do presente e desafíos”. Unha proposta da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, que coordina Henrique Monteagudo.