----

O Consello da Cultura presentou o facsímile dos catro números da revista LOIA cos primeiros poemas de Lois Pereiro, figura do Día das Letras Galegas 2011

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe a edición facsimilar dos catro números da revista LOIA, editada en Madrid entre 1975 e 1978, e que acolleu as primeiras expresións poéticas de Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 1958-A Coruña, 1996), figura senlleira do Día das Letras Galegas-2011. O Presidente da institución, Ramón Villares, e o coordinador da edición, e da revista, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, glosaron a significación dunha publicación alternativa de estudantes galegos en Madrid, “movidos por impulsos renovadores e rupturistas”. A edición facsimilar e o estudo crítico  pode descargarse en: www.consellodacultura.org/mediateca

“Un día ocorréusenos, a Manuel Rivas e a min, que, como eu tiña un irmán poeta en Monforte, podiamos facer unha revista. A Manolo faláranlle dun rapaz tamén de Monforte, que eu non coñecía, que debuxaba moi ben. Chamábase Antón Patiño e resultou ter unha moza, Menchu Lamas, que tamén facía deseños. Quedamos unha tarde…Eu era o secretario de organización e capataz.” E así comezou todo narrado polo xornalista, e actual Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro.

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, apuntou que facsímile e texto forman agora “unha nova unidade que debe resistir máis cómodamente o paso do tempo. Como o resiste aquela obra auroralmente publicada en LOIA por unha xente moza que non podía saber a onde chegaría, pero que era consciente de que debía cambiar o mundo”. E engadiu: “Esta pouco coñecida revista é a mellor expresión daqueles soños e utopías que, polo menos en parte, se volveron realidade”.

A edición-homenaxe de LOIA continúa a tradición do Consello da Cultura Galega de sumarse cada ano á gran festa da lingua, a literatura e a cultura galegas cunha publicación facsimilar que ven subliñar e divulgar algún trazo da obra da figura senlleira evocada na efeméride.

A edición  de LOIA inclúe a reprodución facsimilar dos catro números da revista e cinco textos contextualizadores e evocadores: “LOIA ou o fardel dos soños primeiros” (Limiar), de Ramón Villares; “Un antimanifesto chamado LOIA” (Xosé Manuel Pereiro), “LOIA na lembranza” (Antón Patiño), “LOIA, o gzine underground entre a memoria básica e o punk” (Helena González Fernández) e “Unha luz de treboada aínda máis pálida” (Manuel Rivas).

“Enréstrase a referencia de LOIA no feixe de publicacións, antoloxías e colectivos literarios da Transición para demostrar o chamado cambio de rumbo que se produce na poesía galega”, escribe a profesora Helena González.

Para o pintor Antón Patiño “as aventuras de LOIA, Colectivo da Imaxe e Rompente forman unhas coordenadas decisivas daquel tempo de experimentación á procura de novos vieiros de expresión”.


Pola súa parte o xornalista, escritor e poeta Manuel Rivas entende que “a parte máis visibel  e rechamante hoxe de LOIA, o que ten como documento dunha certa vangarda, é a poesía de Lois e o grafismo de Antón”.