Javier Echeverría abre mañá o ciclo Pensarmos cunha reflexión sobre a sociedade e a tecnoloxía

“Entre cavernas: tecnopersonas e tecnomundos” é o título do relatorio que ofrecerá mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) o filósofo e matemático Javier Echeverría (Pamplona, 1948). Con el ábrese o ciclo Pensarmos, coordinado por Carme Adán e que consiste en charlas, debates e intercambio de ideas que pretende abordar problemas actuais. A cita, organizada pola Sección de Pensamento do CCG, poderá seguirse en directo a través do web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O filósofo e matemático Javier Echeverría conversará mañá pola tarde (18:00 horas) coa coordinadora do ciclo, Carme Adán, nunha cita que se titula “Entre cavernas: tecnopersoas e tecnomundos”.

Echeverría é autor de 20 obras monográficas e coeditor de 26 libros, en español, francés e inglés. Publicou máis de 100 artigos en revistas e libros internacionais e máis de 200 en revistas e libros nacionais. Dirixiu 18 teses de doutoramento. É membro da International Academy of Philosophy of Science, vicepresidente de Jakiunde (Academia Vasca de Ciencias, Artes e Letras) e membro do Comité Vasco de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. O seu ámbito de investigación céntrase no que bautizou como “Terceiro Contorno”, ese mundo que se constrúe a través de Internet. Crítico coa rede, fala da pouca conciencia social das condicións de uso de Internet, do “sometemento” ás regras do xogo impostas polas grandes empresas tecnolóxicas como Facebook ou Google e dun sistema “neofeudal” que reivindica que hai que democratizar.
Pensarmos, un foro sobre a actualidade

A sociedade actual está marcada pola economía do efémero, que demanda respostas rápidas e simples antes problemas complexos. Neste contexto, o ciclo Pensarmos pretende ser unha parada para a reflexión e para introducir temas como o feminismo, os fascismos, a verdade, a intimidade, a investigación, a precariedade ou o humanismo.

Despois de Echeverría, pasarán por este foro Lluís Bassets (28 de febreiro), Garteh Williams (28 de marzo), Remedios Zafra (25 de abril) e Antonio Cunha (23 de maio).

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: