NOTICIA

----

Aberta a inscrición da xornada que recupera a figura do tradutor e humanista Plácido Castro

A tradución, o xornalismo e o universalismo son os tres eixes que marcaron a vida de Plácido Castro (1902-1967). Sobre estas tres facetas do galeguista discorrerá a xornada “Vocacións e ideais en Plácido Castro” que a Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Cambados, en colaboración coa Fundación Plácido Castro, celebrarán o vindeiro venres 22 de febreiro en Cambados. A cita está coordinada por Xulio Ríos e acaba de abrir o seu prazo de inscrición no web do CCG.

“Vocacións e ideais en Plácido Castro” é unha xornada que pretende achegarse á figura excepcional deste atípico galeguista. Para centrarse nas que foron as súas grandes paixóns (o xornalismo e a tradución en clave universal), o coordinador desta xornada conta coa participación de figuras como Laura Linares, María Jesús Lorenzo Modia, César Lorenzo, Luís Álvarez Pousa ou Rubén Camilo Lois González, que darán conta das múltiples facetas que caracterizaron o saber facer deste humanista. A actividade desenvolverase no Centro ExpoSalnés (Paseo da Calzada, s/n) de Cambados en horario de tarde.

Sobre Plácido Castro
Plácido Castro (1902-1967) é un dos símbolos máis sobranceiros do universalismo galeguista. Foi unha rara avis no galeguismo dos anos trinta pola súa orixe e formación. Ao longo da súa vida desenvolveu tres vocacións principais: a tradución, o xornalismo e o compromiso político con Galicia.

Na súa traxectoria vital os períodos que pasou no Reino Unido son de grande importancia. O primeiro discorreu na súa nenez e mocidade e influíu na súa formación humanista e intelectual. O Plácido de “sólida cultura e fondas inquedanzas”, como recoñecían os seus coetáneos, acreditouse como un admirador do respecto dos británicos pola identidade, radicando nesa actitude de autoaprecio a principal forza do seu espírito. Na rica vida cultural da súa contorna, Plácido desenvolveu as súas arelas polas artes, o teatro, a música, a poesía etc., que conservaría ao longo de toda a súa vida.

O segundo período británico tivo lugar tras a Guerra Civil, cando iniciou colaboracións coa BBC. Desde alí participou nos primeiros programas en galego do mundo da radiodifusión e tamén nos emitidos en español e inglés, ao tempo que mantiña a colaboración con algúns outros medios estranxeiros.
O universalismo é a chave que permite acceder ao seu pensamento, quizais un dos máis estruturados do galeguismo de comezos do século pasado. Plácido non é só universalista por convicción política, senón porque ese é o seu xeito de existencia, fondamente interiorizado e derramado en todos os ámbitos. Desde Londres ou O Salnés, Plácido apostou sempre por modelos de modernización de Galicia que preservasen o noso contorno e fixesen da nosa forma de ser e de estar un patrimonio universal.

A Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega
A comisión está coordinada por Xulio Ríos e contra entre os seus membros con Gabriel Pérez-Barreiro, Enma Lustres, Francisco Javier Vázquez ou Enrique Sáez Ponte, entre outros.