NOTICIA

----

Un encontro coa colectividade de Newark abre a axenda da presidenta do Consello da Cultura Galega en Nova York

A reunión de traballo coa comunidade de Newark abre mañá xoves as actividades da visita institucional que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia esta semana en Nova York. Nela destaca a inauguración da exposición “Os adeuses” nun lugar emblemático para a emigración como é o Museo de Ellis Island (sábado 9 ás 12:00 horas). “É unha axenda ambiciosa que marca un fito na presenza exterior e visibilidade da cultura galega”, en palabras do vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. A presidenta reunirase coas colectividades presentes en Nova York pero tamén con destacados responsables de centros académicos e de recoñecido prestixio. No marco desta viaxe darase a coñecer o proxecto dunha plataforma virtual para que os integrantes da diáspora galega partillen as súas experiencias de desenvolvemento profesional e creativo. Ademais, haberá mesas redondas en lugares destacados como son a Universidade de Columbia ou o Instituto Cervantes.

“A visibilidade da cultura galega no exterior e das colectividades migrantes enmárcase dentro das liñas e da folla de ruta trazadas pola presidenta da institución no seu discurso de toma de posesión” explicou Núñez Seixas á hora de debullar un programa que pretende pór en valor a cultura galega no exterior, nomeadamente en América do Norte. Unha colectividade (a de Nova Jersey e Nova York) moi caracterizadas pola súa “cohesión e por unha inserción diferente á que houbo noutros lugares tradicionais de emigración” indicou na presentación esta mañá.

Programa complementario: mesas redondas e reunións de traballo
A inauguración dunha exposición como “Os adeuses” nun espazo tan significativo como é Ellis Island serve para individualizar a emigración galega dentro das diásporas europeas e tamén para darlle un protagonismo destacado dentro das vagas de inmigrantes que arribaron aos EUA. Para arroupar ese feito, o Consello da Cultura Galega artellou un programa de actividades que aproveita a relevancia do acontecemento e a rede de contactos académicos dos que dispón a institución nos EUA, nomeadamente o Arquivo da Emigración Galega. O resultado tradúcese nunha serie de catro mesas redondas, así como nun intenso programa de xuntanzas e entrevistas tanto con actores institucionais neoiorquinos como coa colectividade galega na cidade.

As mesas redondas foron deseñadas para dar a coñecer as migracións galegas e a cultura galega en clave histórica e comparada. Son catro mesas que se desenvolverán en inglés e que se agrupan en dúas grandes liñas: unha para abordar a perspectiva histórica da inmigración galega en Nova York e nas Américas, que se concreta en dúas mesas os días 11 e 12 de febreiro, baixo os títulos “Inmigración galega en Nova York. Historia e memoria (Galician Immigration in New York. History and Memory)” e “Inmigración galega no contexto das migracións europeas cara ás Américas (Galician Immigration in the Context of European Migrations to the Americas)”; a segunda das liñas fai fincapé na diagnose da cultura galega e mais nos debates arredor do pasado recente na Galicia actual, cos títulos “Memoria histórica no presente en Galicia (Historical Memory in present-day Galicia)” e mais “Cultura Galega. Pasado, presente e futuro (Galician Culture: Past, Present, Future)”. Estas últimas desenvolveranse os días 12 e 13 de marzo. O Instituto Cervantes de Nova York, a Universidade de Columbia e mais a Universidade da cidade de Nova York (CUNY) serán os espazos nos que participarán variados investigadores e profesionais para falar deste asuntos, como son José C. Moya, James Fernández, Alex Alonso, Pablo García Martínez ou Alberto Avendaño, residentes en Nova York; e Dolores Vilavedra e Xosé Manoel Núñez Seixas, que irán dende Galicia.

O venres 8, o King Juan Carlos I Center, espazo dependente da Universidade de Nova York, acollerá unha xuntanza de traballo na que a presidenta do Consello da Cultura galega, Rosario Álvarez, daralles a coñecer a diversos membros da diáspora galega actual a proposta de creación dunha plataforma virtual para a colectividade do exterior. O portal, que pretende cubrir un oco dentro da oferta existente, aspira a fomentar a participación profesional e creativa dos integrantes das novas diásporas galegas no mundo, co fin de favorecer o intercambio global entre eles. Neste senso, non pretende ser un portal máis de información sobre oportunidades laborais ou bolsas e convocatorias, senón un espazo para partillar experiencias, inquedanzas e reflexións.

A exposición: un fito na historia da emigración
Varias actuacións musicais acompañarán o sábado día 9 o acto de inauguración deste acontecemento relevante para a cultura galega. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, serán os encargados de inaugurar, ás 12:00 da mañá (hora local), esta mostra que recolle en 50 fotografías os últimos momentos da emigración galega cara a América.
A Ellis Island chega unha versión composta por 50 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados, e “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico portugués secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no 1961. Nesta parte pódese seguir a ollada dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, composto por millóns de negativos, froito de anos de traballo.
A mostra estará aberta ata o 5 de maio e Núñez Seixas anunciou que se están a levar a cabo varias xestións “que agardamos se traduzan en novos itinerarios cara a Europa e América”.

Acción Exterior do Consello da Cultura galega
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional, que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades e outras institucións como o Instituto Cervantes, o Instituto Camões, o Instituto Etxepare ou o Institut Ramón Llull. A colaboración caracterízase pola súa continuidade no tempo, baixo a forma de encontros, ciclos de palestras, exposicións ou publicacións.