NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura presenta hoxe en Nova York un portal sobre a diáspora galega

O King Juan Carlos I Center, espazo dependente da Universidade de Nova York, acolle hoxe unha xuntanza de traballo na que se dará a coñecer o proxecto dunha plataforma de Internet mantida pola diáspora. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, dará conta desta iniciativa diante dun grupo de galegos e galegas que residen en Nova York e Nova Jersey. Pola tarde, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co vicepresidente do CCG, Xosé Manuel Núñez Seixas, e co recoñecido hispanista James Fernández presentarán o acto de inauguración da exposición “Os adeuses” no Museo de Ellis Island (sábado 9 ás 12:00, hora local) e as mesas redondas que terán lugar nos vindeiros días.

A plataforma é unha proposta do Consello da Cultura Galega encamiñada a conectar a participación dos galegos e galegas da diáspora en Internet. Unha iniciativa que hoxe presenta a presidenta do Consello da Cultura Galega no King Juan Carlos I Center a un reducido grupo de profesionais galegos que residen na zona. Rosario Álvarez dará a coñecer esta proposta ,que aspira a fomentar a participación profesional e creativa dos integrantes das novas diásporas galegas no mundo, co fin de favorecer o intercambio global entre eles. Neste senso, non pretende ser un portal máis de información sobre oportunidades laborais ou bolsas e convocatorias, senón un espazo para partillar experiencias, inquedanzas e reflexións. A plataforma, que será mantida polo Consello da Cultura Galega, pretende ter dúas dimensións: unha de intercambio de experiencias do desenvolvemento profesional; e outra de foro onde os participantes poidan colgar textos ou documentos sobre as súas vivencias, inquedanzas e reflexións.

A presentación encádrase no marco do programa de contactos que a presidenta desenvolve estes días en Nova York e que comezou o mércores coa visita á Spanish Benevolent Society, máis coñecida como La Nacional. Onte visitou o Club Español e o Centro Ourensán de Newark, ademais da Casa de Galicia en Queens, onde mantivo varias xuntanzas de traballo para establecer novas vías de colaboración.

A exposición e as mesas redondas
O Instituto Cervantes de Nova York acollerá esta tarde os actos de presentacións das vindeiras actividades que situarán a cultura galega no mundo: a exposición e as mesas redondas.

A exposición abrirá as súas portas mañá nun acto no que participan a presidenta do CCG mais do presidente da Xunta de Galicia e unha nutrida representación da política e da cultura do país. A inauguración suporá tamén unha pequena exhibición da creatividade e potencialidade da cultura galega e contará coa participación de Cristina Pato, do Cuarteto Irmandade da Gaita así como dos grupos de baile das asociacións galegas de Nova York e Nova Jersey.

A Ellis Island chega unha versión da exposición “Os adeuses” composta por 50 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados, e o “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico portugués secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no 1961. Nesta parte pódese seguir a ollada dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, composto por millóns de negativos, froito de anos de traballo.

A mostra exhíbese en Nova York despois de itinerar por numerosos países como Brasil, Portugal, Arxentina e diferentes espazos en Galicia e está previsto que nos próximos meses se poidan anunciar novos destinos.

Programa complementario: mesas redondas e reunións de traballo
Aproveitando a relevancia da exposición neste espazo mais a rede de contactos académicos dos que dispón a institución nos EUA, nomeadamente o Arquivo da Emigración Galega, organizouse un intenso programa de xuntanzas e entrevistas tanto con actores institucionais neoiorquinos como coa colectividade galega na cidade.

As mesas redondas foron deseñadas para dar a coñecer as migracións e a cultura galegas en clave histórica e comparada. Son catro mesas que se desenvolverán en inglés e que se agrupan en dúas grandes liñas: unha para abordar a perspectiva histórica da inmigración galega en Nova York e nas Américas, que se concreta en dúas mesas os días 11 e 12 de febreiro, baixo os títulos “Inmigración galega en Nova York. Historia e memoria (Galician Immigration in New York. History and Memory)” e “Inmigración galega no contexto das migracións europeas cara ás Américas (Galician Immigration in the Context of European Migrations to the Americas)”; a segunda das liñas fai fincapé na diagnose da cultura galega e mais nos debates arredor do pasado recente na Galicia actual, cos títulos “Memoria histórica no presente en Galicia (Historical Memory in present-day Galicia)” e mais “Cultura Galega. Pasado, presente e futuro (Galician Culture: Past, Present, Future)”. Estas últimas desenvolveranse os días 12 e 13 de marzo. O Instituto Cervantes de Nova York, a Universidade de Columbia e mais a Universidade da Cidade de Nova York (CUNY) serán os espazos nos que participarán variados investigadores e profesionais para falar deste asuntos, como son José C. Moya, James Fernández, Alex Alonso, Pablo García Martínez ou Alberto Avendaño, residentes en Nova York; e Dolores Vilavedra e Xosé Manoel Núñez Seixas, que irán dende Galicia.

Outras noticias que che poden interesar