Aberta a inscrición da conferencia de Lluis Bassets no Consello da Cultura Galega para falar de fascismos dixitais

Lluis Bassets é un coñecido xornalista pero tamén un destacado pensador. É o próximo convidado do ciclo “Pensarmos”, unha proposta da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Carme Adán. A inscrición a esta conferencia, que terá lugar o vindeiro 28 de febreiro, pódese facer a través do sitio web da institución.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Pensarmos” é un ciclo que cada cuarto xoves de mes abre un debate de reflexión con recoñecidos pensadores. “Desde a mirada xornalística, Bassets pode situarnos diante do poder dos medios para converterse en creadores da realidade, xa non hai verdades, hai emocións que crean reaccións nas audiencias. O fascismo dos nosos tempos busca no descontento social e o mundo dixital a sutiliza das emocións para instalarse”, apunta Carme Adán sobre a vindeira cita do ciclo que coordina. Bassets terá como contrapunto do seu diálogo ao editor Francisco Castro.

Os participantes
Lluís Bassets (Barcelona, 1950) iniciou a súa carreira profesional en Barcelona a comezos dos anos 70, nos xa desaparecidos Tele/eXpres e Diario de Barcelona. En 1980 fundou e dirixiu o semanario El Món. Pertenceu ao núcleo fundador da edición do diario El País en Cataluña, que empezou en 1982, e na actualidade forma parte do comité de dirección da nova publicación mensual en lingua catalá Política & prosa. En El País exerceu como xefe de Cultura, do suplemento Libros e da sección de Opinión, como correspondente en Bruxelas e en París, e tamén como director da edición catalá. Como responsable de Cultura, fundou e organizou en 1982 o suplemento cultural en catalán Quadern e, como responsable da redacción de Barcelona, en 2014 a edición dixital en catalán elpais.cat. Actualmente publica as súas columnas na sección Internacional do rotativo e nas páxinas de Opinión da edición de Cataluña.

Publicou varios libros de análise política, entre os que destacan: La rebelión interminable. El año de la secesión catalana (Ediciones de la catarata, 2018), Lecciones españolas. Siete enseñanzas políticas de la secesión catalana y la crisis de la España constitucional (EDLibros, 2017), La gran vergüenza. Ascenso y caída del mito de Jordi Pujol (Editorial Península, 2014), El último que apague la luz. Sobre la extinción del periodismo (Taurus, 2013) ou El año de la revolución. Cómo los árabes están derrocando a sus tiranos (Taurus, 2012).

Francisco Castro (Vigo, 1966) é licenciado en Filosofía, ademais de escritor. Entrou a formar parte da Editorial Galaxia como editor no ano 2008 desenvolvendo labores de edición infantil e xuvenil e no ano 2016 foi nomeado director xeral. É un dos pioneiros da blogosfera galega. Como autor foi galardoado con importantes distincións no mundo da literatura galega, como o Premio Lueiro Rey (1997), o Premio Modesto Figueiredo de Narracións Breves (2005), o Premio Blanco Amor (2006), o Premio Manuel García Barros (2007), o Premio Frei Martín Sarmiento (en cinco ocasións) e o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (2013). Ademais, foi nomeado en 2012 na lista de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) por Chamádeme Simbad, un dos long-sellers máis vendidos da historia da literatura galega. A súa obra está traducida a varias linguas, como o castelán, catalán, éuscaro, italiano ou portugués de Brasil.

O ciclo
“Esta proposta pretende analizar os temas de actualidade que nos abordan todos os días. É un ciclo pensado en forma de diálogo, de intercambio de ideas, de debate porque o valor da palabra está perdido”. Así explica Carme Adán a pertinencia deste foro que convocará cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos.

A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito a respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. Nese contexto xeral, programouse a conferencia de Bassets para que, segundo a coordinadora, “afondase no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital onde a mentira é a marca máis distintiva”. O ciclo seguirá con Garteh Williams (28 de marzo), co tema dos desherdados que non teñen posibilidade de acceso ao mundo dixital, e Remedios Zafra(25 de abril) “continuará ese periplo desde a visión da precariedade laboral que leva consigo, iso si, adornada de Entusiasmo. A nova escravitude laboral do mundo dixital é asumida como un agasallo polas e polos millenials”.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. Algunhas das actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.

Outras noticias que te poden interesar: