Contactos de alto nivel na visita aos Estados Unidos con proxectos de futuro institucionais e culturais

A Delegación do Consello da Cultura Galega (CCG) ven de abrir novas vías para incrementar a presenza da cultura galega en Estados Unidos mediante contactos e acordos de alto nivel institucional. É o caso da exposición "Os Adeuses", que permanecerá no Museo de Ellis Island até o 5 de maio, como recordatorio da historia da emigración galega nos Estados Unidos. Diana R. Pardue, directora deste centro de referencia para as migracións no mundo, mantivo un proveitoso encontro coa representación do CCG, no que se estudou a posibilidade de facer futuras itinerancias. Na xuntanza falouse, asemade, da definición e concepción do proxecto do Museo das Migracións Galegas que está a ser desenvolvido no seo do Consello.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A presidenta, Rosario Álvarez, o vicepresidente, Xosé Manuel Núñez Seixas, e a responsable de Acción Exterior, Emilia García, mantiveron xuntanzas de traballo co director do Instituto Cervantes de Nova York, Ignacio Olmos, e mais a xefa de actividades culturais desa institución, Ana Vázquez, para fixar accións que se concretarán nos vindeiros meses. Tamén resultou do máximo interese a visita, organizada polo Consulado español de Nova York, á Hispanic Society of America, institución cultural e filantrópica fundada no 1904 por Archer M. Huntington, que ten como misión preservar e espallar o legado histórico, artístico e documental de todos os territorios iberoamericanos, Filipinas e países lusófonos. A delegación do CCG, acompañada do cónsul para asuntos culturais en Nova York, Juan J. Herrera de la Muela, foi recibida polos conservadores da institución onde visitaron os seus fondos bibliográficos e artísticos. Neste encontro sentáronse as bases de futuras colaboracións institucionais, nomeadamente no relativo á localización e pescuda de fondos publicísticos e literarios galegos -ou relacionados con Galicia- no inxente acervo bibliográfico da entidade, cuxa recatalogación continúa a día de hoxe.

Desde a súa chegada, a delegación do CCG estivo en estreito contacto coa colectividade galega para abrir novas vías de traballo e colaboración, como a iniciada coa Casa de Galicia de Nova York, logo dunha primeira avaliación do seu acervo documental. A institución, fundada no 1940 co concurso de sobranceiros personaxes da Galicia do século XX, como Alfonso R. Castelao, conta con importantes fondos cuxa dixitalización podería ser de interese para o Arquivo da Emigración, tanto documentais, como as fichas de alta e baixa dos asociados desde os seus inicios, libros de actas, de asembleas, coma fotográfico.

Inicio do ciclo de conferencias
O programa de actos contemplou as dúas primeiras mesas redondas das catro programadas polo CCG con ocasión da exposición “Os Adeuses”. Na primeira, celebrada na sede do Instituto Cervantes neoyorquino, tratouse o tema da Galician Immigration in New York na que participaron, ademais de Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, o xornalista galego residente en Washington, Alberte Avendaño, e mais os profesores James Fernández, catedrático de Antropoloxía da New York University; e Alex Alonso, profesor de Estudos Hispánicos no Brooklyn College (City University of New York). No debate abordáronse as características xerais e específicas da emigración galega ás Américas e nomeadamente á cidade de Nova York, as causas da partida dos galegos cara os EUA, as modalidades de inserción socio laboral dos inmigrantes galegos na cidade, o seu protagonismo dentro da comunidade ibérica, e mais a evolución recente da comunidade galega nos EUA -e de Nova York en particular- con especial atención ás últimas vagas de inmigrantes posteriores a 1945 e mais á situación actual das institucións galegas na cidade.

Unha das máis prestixiosas institucións académicas do mundo, o Barnard College, da Universidade de Columbia, acolleu a segunda das citas previstas para falar sobre Galician Immigration to the US and Latin America in comparative perspective, na que participaron o profesor José C. Moya, da Columbia University (un dos máis asonados especialistas mundiais na análise comparada das migracións) e os profesores Alex Alonso e Núñez Seixas. No evento, que tivo boa acollida polo público, salientáronse as características xerais da emigración galega cara a América nunha perspectiva comparativa con outras nacións emigrantes europeas (dende os irlandeses aos italianos); os matices diferenciais entre a súa inserción socio laboral nos EUA e mais nos principais países receptores da América Latina, e as principais características dos relatos literarios e memorialísticos verbo das migracións galegas. O debate posterior aos relatorios foi boa mostra do interese que as migracións galegas espertan no mundo académico norteamericano, e constituíu unha consagración da escola de estudos migratorios galegos e mais da actividade que nese labor vén desenvolvendo o CCG dende hai máis de quince anos.

Este extenso programa de actividades continuará con outras dúas mesas redondas no mes de marzo. Unha versará sobre “A Memoria”, e a outra sobre “Pasado, presente e futuro da cultura galega”. A profesora Dolores Vilavedra participará nas palestras, acompañada de personalidades do mundo académico e institucional da galeguidade en Estados Unidos, e actuará como representante do Consello da Cultura Galega na súa condición de secretaria da súa comisión executiva.

Outras noticias que te poden interesar: