Unha publicación escolma trinta figuras científicas relevantes do Álbum da Ciencia

Buscaron figuras relevantes, de diferentes épocas, de distintas disciplinas, que compartisen un denominador común: ser figuras relevantes para a ciencia en Galicia. O resultado é Álbum da ciencia. 30 nomes e as súas achegas, unha publicación que escolma trinta nomes do proxecto homónimo que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG) en rede. “Unha santa compaña de inmortais da ciencia e os seus froitos para o país” indicou a presidenta da institución, Rosario Álvarez, durante a presentación. Con ela estaban os coordinadores do libro, Francisco Díaz Fierros, Xosé A. Fraga e Alfonso Mato, xunto con Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, que considera que “as vidas destes personaxes son un espello onde mirarse”. A publicación está dispoñible para descarga desde o web do CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A publicación comeza cun matemático, José Rodríguez, e remata con outra, María Josefa Wonenburguer, no medio vinte e oito figuras que salientaron pola súa relevancia, orixinalidade ou representatividade no eido da ciencia galega. Con contido divulgativo e ilustracións de Nuria Díaz, sae esta publicación que se nutre dos textos publicados no Álbum da Ciencia (que se poden consultar íntegros na web), pero que se reelaboran de cara a facilitar a difusión dos seus méritos e biografías. “É un agasallo do CCG para celebrar o momento de madurez do Álbum” apuntou un dos coordinadores, Xosé A. Fraga.

Esta proposta achega a biografía de Ángeles Alvariño, que está entre as mil científicas máis relevantes da historia; de Ramón de la Sagra, o primeiro agrónomo americano; de José Rodríguez, o matemático que participou cos mellores científicos do momento para determinar con precisión a lonxitude do metro; ou os salientables médicos Nóvoa Santos, Gil Casares ou Baltar Cortés.

O Álbum da Ciencia
No ano 2011 o Consello da Cultura Galega acolleu unha proposta que arrincou moito antes, no seo do Seminario de Estudos Galegos, e que consistía nun proxecto para divulgar a biografía de numerosas personalidades científicas do noso país. Nacía así o Álbum da Ciencia co obxectivo de divulgar a investigación e a ciencia entre a sociedade en xeral. Hoxe en día suma preto de 300 entradas que dan a coñecer as biografías de científicos e científicas do país. Unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de Academia das Ciencias virtual. A iniciativa promoveuna no seu momento Francisco Díaz- Fierros, quen coordinaba a Sección no momento en que se presentou e que hoxe quixo destacar que “a cultura tamén é ciencia e estivo nas preocupacións do Consello da Cultura desde o seu nacemento”.

Anteriores produtos do Álbum
Desta proposta agromaron diferentes unidades didácticas. En colaboración co programa escolar da Fundación Barrié (Educabarrié), en 2014 editáronse catro exemplares centrados nas historias do navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, do veterinario Juan Rof Codina, do médico Roberto Nóvoa Santos e do naturalista Ramón de la Sagra.
En 2017, cando se cumprían dous séculos do momento en que o matemático Domingo Fontán Rodríguez (1788-1866) iniciou a elaboración da súa magna obra, a Carta geométrica de Galicia, un mapa fundamental para o noso territorio, o Consello da Cultura Galega volveu repetir con este formato didáctico para contribuír á súa divulgación.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade: próximas actividades
Esta publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón, que nos próximos meses poñerá o foco en cuestións de actualidade, como é unha xornada arredor do problema da velutina en Galicia, en colaboración coa Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia; ou a tradución ao galego da táboa periódica, no momento en que se cumpren 150 anos da súa publicación por Dimitri Mendeleev. Ademais, a vixésimo primeira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística poñerán este ano o foco na divulgación científica en galego.
A ciencia formou parte das actividades do Consello da Cultura Galega desde o seu nacemento. Isto concretouse en fomentar xornadas arredor destas materias pero tamén na busca de proxectos e iniciativas encamiñados a conseguir unha maior divulgación científica. Entre esta liña de accións destacamos a edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, catalán e inglés). Máis recentemente, a Sección publicou a primeira tradución da teoría da relatividade de Albert Einstein en lingua galega, ou o informe “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.