O Consello da Cultura Galega achégase á poliédrica figura de Plácido Castro cunha xornada

“Era un rara avis, unha persoa de clase alta fondamente comprometida por Galicia que xogou un papel fundamental ao trazar os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista” explica Xulio Ríos, coordinador da xornada “Vocacións e ideais en Plácido Castro”, que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá en Cambados (a partir das 16:00 horas en Exposalnés). Formado en Londres, políglota, falou en galego na BBC pero tamén traballou no portugués Jornal de Notícias, no arxentino La Nación e en publicacións galegas. Ademais de xornalista, foi tamén tradutor. Sobre todas estas facetas xira esta cita que inaugura a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e con Xulio Ríos.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Mandaba vir a prensa internacional na rubia (como lle chamaban ao autobús) de Vigo ata Cambados, ou subía el mesmo a buscala a Vigo cando tiña reunión con Álvaro Cunqueiro, daquela director do Faro, o que daba conta do pendente que estaba sempre da actualidade do mundo” explica Xulio Ríos como anécdota do perfil deste galego de clase alta, nado en Corcubión e cuxa vida estivo marcada pola Guerra Civil. Antes do 36 era xornalista e un destacado político. “Foi membro da Comisión Executiva do partido galeguista desde o seu inicio, secretario de relacións internacionais, e tivo máis votos que Castelao na asemblea de Ourense” puntualiza Ríos. Despois do 36 foi locutor en Londres e, á súa volta a Galicia, instalouse en Cambados, onde exerceu como profesor de inglés nun instituto. A tradución e o universalismo permaneceron constantes en toda a súa vida.

Plácido xornalista
Nunha das mesas darase conta dunha das partes máis destacadas da súa biografía como é a faceta xornalística. María Jesús Lorenzo Modia, que moderará a César Lorenzo, xornalista e editor de Biosbardia, e a Luís Álvarez Pousa, xornalista e director de Tempos Novos, que darán conta da súa presenza en medios como Jornal de Notícias, La Nación, Céltiga ou A Nosa Terra, entre outros.
Das súas colaboracións, a máis coñecida é a súa participación no Galician Programme, que arrincou o 14 de abril de 1947 e que puxo o galego e a cultura galega na programación dunha cadea como a BBC. Alejandro Raimúndez e Francisco Fernández del Riego foron os grandes responsables desta proeza que tivo en Plácido Castro un aliado. Castro fixo os guións de 11 dos 83 programas que se emitiron.

Plácido tradutor
A súa faceta de tradutor está moi vencellada á xornalística xa que boa parte das súas traducións están inseridas entre os seus artigos. Foi así como incorporou poemas de escoceses e ingleses, con especial predilección polos irlandeses, nunha época en que Irlanda acadara a independencia e era un espello para o galeguismo. Grazas a Castro, figuras como W. B. Yeats, Christina Rossetti, William Blake ou Raftery falaron en galego nas páxinas da prensa da época. Para analizar a súa faceta como tradutor estará Laura Linares, do Irish Research Council Government of Ireland Postgraduate Scholar, e María Jesús Lorenzo Modia, catedrática de Filoloxía Inglesa da Universidade da Coruña.

Plácido universalista
“Para el estaba moi clara: Galicia é un país do mundo, non había conflito nin contraposición entre Galicia e o mundo”. Deste xeito sintetiza Xulio Ríos a vocación universalista de Plácido Castro, que abordará como relator da mesa redonda que pecha a xornada e na que estará acompañado por Rubén Camilo Lois González, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela.

Acción exterior do Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional, que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades e outras institucións como o Instituto Cervantes, o Instituto Camões, o Instituto Etxepare ou o Institut Ramón Llull. A colaboración caracterízase pola súa continuidade no tempo, baixo a forma de encontros, ciclos de palestras, exposicións ou publicacións. Ademais, tamén realiza unha serie de encontros, como este que hoxe se difunde, no que fala de figuras relevantes para a cultura galega. Se este ano poñemos os ollos en Plácido Castro, o ano pasado foi nunha figura paralela e complementaria como foi Lois Tobío.

Outras noticias que te poden interesar: