NOTICIA

----

Mañá pecha en Compostela In situ, o ciclo que analiza os cascos históricos

Vigo, Ferrol, Ourense e Ribadavia contan con cascos históricos que teñen modelos de xestión, problemáticas e plans especiais diferenciados. Desde o mes de setembro, tres xornadas permitiron coñecer como eran e as súas propias especificidades. Forman parte do foro In situ. Cascos históricos, que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e que chega á súa fin cun gran debate en Santiago. Esta última cita terá lugar mañá, cando todos os expertos consultados se xuntarán na sede do CCG para debater se é posible conciliar os intereses da cidadanía coa rehabilitación e coa xestión destes espazos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras da xornada, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo a través do sitio web da institución.

“Quixemos identificar as ideas-forza que se trataron nos tres encontros anteriores e, arredor delas, programar esta última cita” explica Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e unha das responsables do programa deste ciclo. Para a sesión de mañá, visionaron os vídeos, repasaron as notas e conformaron un programa centrado nos tres aspectos destacados das sesións anteriores. En primeiro lugar, haberá unha mesa que debaterá sobre a patrimonialización e a participación cidadá para saber, en palabras da coordinadora, “se a xente se sente atraída polos cascos históricos ou, pola contra, foxe de vivir neles”. A segunda das mesas buscará poñer o foco nos plans especiais como instrumento de relación entre a cidadanía e o plan de xestión. E, por último, as mesas pecharán coa cuestión da rehabilitación física e social. “Queriamos saber se somos capaces de conciliar as novas iniciativas que están a xurdir, coa realidade, coa residencia, coas actividades económicas… e ver cal é o papel das políticas públicas das diferentes administracións” conclúe Rebeca Blanco-Rotea.
Para este gran debate contouse cos expertos e cos profesionais que xa participaron nas sesións anteriores, como José Antonio Padrón, Nuria Campos ou Antonio Alonso Fernández, entre outros.

O ciclo “In situ”
“Estamos moi contentos co resultado desta iniciativa que procuraba dous obxectivos: por unha parte, analizar a xestión dos cascos históricos e ver como funcionaban as oficinas de rehabilitación para saber se existía unha coherencia entre o que a cidadanía demandaba e quería e os proxectos da Administración; por outra parte, queriamos tamén sacar a actividade de Santiago cara a outros espazos e coñecer se tiña acollida entre o público”, así sintetiza Rebeca Blanco-Rotea esta aposta. Preto dunhas 150 persoas estiveron nas tres citas que tivo o ciclo e achegaron un rico e intenso debate. “Non era un formato para longas conferencias, senón que importaba a riqueza e a participación e o resultado foi moi positivo”, engadiu.

Ademais, este formato fuxía tamén de espazos de xestión coñecidos, como Santiago, Allariz ou Pontevedra, e buscaba poñer o foco noutros modelos. Por iso se analizou o caso de Vigo, que sufriu un cambio radical a partir do traballo da oficina de rehabilitación e do consorcio da cidade, con medidas moi específicas, como permitir romper coa distribución interior mantendo as fachadas na procura de espazos máis amplos. Tamén se analizou o caso de Ferrol, onde a participación cidadá demanda un novo modelo e que aínda está en proceso. “Estas xornadas servíronnos para ver que non houbo un criterio único nos cascos históricos e que non existe un único modelo válido”, conclúe Rebeca, quen agarda un amplo debate na sesión de mañá.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Este ciclo insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e está composta por profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato. Entre as próximas actividades está unha nova aposta do seu programa Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que analizará novas temáticas nos escenarios analizados e que promete saír dos espazos habituais para conferencias.