----

Miguel Fernández-Cid, membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, é o novo director do MARCO

Miguel Fernández-Cid (Pontevedra, 1956) é o novo director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO. O padroado da Fundación MARCO elexiuno por unanimidade logo da proposta de nomeamento realizada pola Comisión Técnica de Valoración para o posto de director. Esta comisión estaba formada por catro expertos de recoñecido prestixio: Miguel Zugaza, director do Museo de Bellas Artes de Bilbao; Juan Manuel Bonet, director do Instituto Cervantes; Antón Castro, profesor da Universidade de Vigo; e Lucas García Guirao, subdirector adxunto de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte.
Miguel Fernández-Cid, membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, é o novo director do MARCO

Fernández Cid é o terceiro director do MARCO, despois de Iñaki Martínez Antelo (2005-2017) e Carlota Álvarez Basso (2002-2005).

O perfil do novo director
Miguel Fernández-Cid é Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte, pola Universidade Complutense de Madrid. Foi profesor de crítica, estética e arte do século XX nas facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra. NO ano 2016 foi recoñecido co Premio Cultura Galega na categoría de Artes Plásticas. É académico e tesoureiro da Real Academia Galega de Belas Artes e membro do Consello da Cultura Galega na Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas desde o ano 2015. Ten experiencia neste tipo de postos, xa que foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago entre 1998 e 2005. Actualmente era o director xerente da Fundación Torrente Ballester.