NOTICIA

----

Preséntase en Sicilia unha nova reedición en italiano do cómic “Vivir no solo”

Este xoves e venres, o Parque de Nebrodi, un dos catro parques que existen na illa de Sicilia, conmemora o seu vixésimo aniversario. Unha celebración que se xunta con outra efeméride, a Década internacional do Suelo 2015-2024. No marco destes acontecementos están previstos dous actos nos que se presentará a reedición do cómic "Vivire nel Suolo", a adaptación ao italiano da banda deseñada xestada polo Consello da Cultura Galega (CCG) no ano 2000. En total imprimiranse en italiano 10.000 novos exemplares, que se suman aos 10.000 xa editados en 2015 pola Sociedade Italiana da ciencia do solo.

“Vivir no solo” é moito máis que unha banda deseñada, é un proxecto de difusión científica de amplo percorrido con formato pensado para a xuventude. Xestouno o Consello da Cultura Galega no ano 2000. Quince anos despois, co gallo do Ano internacional do suelo, a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo en Galicia e o CSIC promoveron a súa adaptación e reedición ao castelán para difundila a nivel nacional. Posteriormente, foi obxecto de diversas traducións e adaptacións: ao catalán, co financiamento do Centro de Estudios Catalanes e a Diputación de Lleida; ao inglés, con cargo á Universidade de Santiago de Compostela e ao italiano ao abeiro da Sociedade Italiana da Ciencia do Solo.
O cómic, que consta de 20 páxinas, ten como protagonistas, por unha parte, a uns mozos que viven nunha vila na que se dan diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo e, por outra, aos seres vivos que viven nel. Na realización do cómic participaron María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento xunto con Fran Bueno, autor das ilustracións.

“Vivir no solo” foi o primeiro título dunha serie de bandas deseñadas ideadas desde o Consello da Cultura Galega co obxectivo de incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía. No caso da poboación infantil, buscáronse os cómics como maneira directa e popular de chegar aos máis pequenos. A idea partiu dun asesoramento científico, ao que se lle sumou o labor dunha escritora especializada en literatura infantil e o dun recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse catro cómics: “O sabor das Mazás”, “Parando a marea negra”, “De quen é a auga” e o que hoxe se reedita, “Vivir no solo”.