NOTICIA

----

A Cónsul da República Arxentina visita o Consello da Cultura Galega

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e responsable do Arquivo da Emigración Galega (AEG), Xosé Manoel Núñez Seixas, e o xerente da institución, Marcelino Fernández, recibiron esta mañá a visita da Cónsul da República Arxentina en Galicia, Asturias, León e Zamora, Silvina Montenegro. No transcurso da xuntanza analizaron posibles vías de colaboración entre ambas entidades relativas á recuperación documental de materiais relacionados coa emigración galega na Arxentina, ademais de explorar diferentes vías de difusión de fondos existentes.

A visita tivo lugar nas dependencias que o CCG mantén na Cidade da Cultura onte se atopan o Arquivo da Emigración Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia. Na visita, na que estiveron presentes as técnicas da institución, puideron contemplar os fondos procedentes do Centro Galego de Bos Aires, dos Centros Provinciais, así como das sociedades vinculadas á Federación de Sociedades Galegas en Arxentina. Tamén visitaron as dependencias do Arquivo Sonoro de Galicia, que custodia un amplo fondo sonoro relacionado coa emigración galega nese país.