O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Rennes exploran nun congreso as conexións entre Galicia e Bretaña

Especialistas galegos e franceses analizarán os vindeiros días 8 e 9 de marzo as conexións entre as paisaxes galegas e bretoas. A cita, que ten lugar en Rennes, titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Galicia e Bretaña son dúas rexións de contrastes: mar e bosque, rías do norte e do sur, acantilados e montañas... Estas son tamén algunhas características definitorias de ambos os territorios que permiten establecer certos paralelismos. Pero a paisaxe, segundo recolle a Convención Europea da Paisaxe, vai moito máis alá da orografía, ao entendela como un concepto fundamental á hora de informar sobre a complexidade dun territorio, que muda co tempo e coas estacións e que ten implicacións de índole xeográfica, económica, cultural e artística. A dificultade do concepto da paisaxe está presente nos diferentes relatorios que conforman o programa deste simposio que organiza a profesora Christine Rivalan e comeza o vindeiro venres cunha conferencia de Laurence Le Dû-Blayo titulada “Bretagne et Galice: quels enjeux paysagers?”.

O simposio estrutúrase en catro sesións, nas que se analizará a identidade, as representacións e as construcións das paisaxes. Na cuarta darase espazo a dous talleres científicos para abordar dous temas relevantes: por unha banda, as cartografías e os catálogos e, pola outra, as identidades pasaxeiras. Ademais da presidenta da institución, Rosario Álvarez, pola parte galega intervirán o expresidente do CCG, Ramón Villares, mais Rebeca Blanco Rotea, Augusto Pérez Alberti, Inés Santé e María López Sandez.
No programa tamén se inclúe unha homenaxe que a universidade bretoa lle rende a Xesús Alonso Montero.

Antecedentes
Na traxectoria do Consello da Cultura Galega constan unha serie de iniciativas encamiñadas a establecer relacións entre Galicia e outros territorios. Isto traduciuse en congresos sobre Galicia-Irlanda ou Galicia-Finlandia así como o realizado en 2017 arredor do tándem Galicia-Bretaña. Este último tivo lugar en Santiago e en Mondoñedo e titulábase “Galicia-Bretaña: un enfoque comparado de dous finisterrae europeos”. Ese encontro aspiraba a marcar unha axenda de colaboracións permanentes, das que agora agroma esta iniciativa na que participan investigadores de ambos os dous países.

A colaboración coa Universidade de Rennes canalízase a través do Centre d’Études des Langues et Littératures Anciennes et Modernes (CELLAM EA 3206) e o laboratorio Espaces et Sociétés (ESO-Rennes, CNRS UMR 6590).

Acción Exterior do Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións. A forma dese tipo de colaboración é continuada no tempo e ten a forma de encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.

Outras noticias que te poden interesar: