O Consello da Cultura Galega e o CGAI achegan desde mañá a creación feminina no ciclo “Olladas de muller”

“A nosa intención era dar soporte de difusión a este traballo inmenso de creación audiovisual que estaban a facer as mulleres” explica Encarna Otero, alma máter do ciclo “Olladas de muller. Creadoras galegas de imaxe”, que cumpre neste 2019, oito edicións. A cita arrinca mañá no CGAI (rúa Durán Loriga, ) coa proxección do filme “Arte + muller+Galicia” de Rosario Sarmiento e remata o sábado coa proxección de catro curtametraxes que dan conta da boa saúde da creación audiovisual feminina no noso país. Haberá sesións de debate coas propias creadoras e este ano, como novidade, exhíbese a creación feita en Portugal. A entrada é de balde.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A programación comeza con dous traballos que queren ser toda unha declaración de intencións sobre o papel das mulleres e a creación audiovisual. A primeira sesión será para “Arte + muller + Galicia”, o documental da comisaria Rosario Sarmiento que dá voz ás artistas que marcaron a creación contemporánea en Galicia nas últimas décadas. Ese mesmo día haberá unha segunda sesión, na que se proxectará o último documental da realizadora Xiana do Teixeiro, “Tódalas mulleres que coñezo”, onde varias amigas falan das súas experiencias na violencia que se exerce contra elas por cuestión de xénero. Unha obra militante que nos forza a posicionarnos ante un debate de extrema actualidade.
O mércores darase paso a “Trinta lumes”, de Diana Toucedo, que nos introduce no mundo misterioso e fascinante do alén a través duns rapaces que viven no afastado Courel, nunha aposta que se atopa entre a ficción e o documental.
Como novidade, este ano o ciclo ábrese á creación audiovisual feita por mulleres en Portugal. Nesta liña preséntase “Correspondencias”, filme de Rita Acebedo que retoma as cartas entre os escritores lusos Sophia de Mello Breyner Andresen e Jorge de Sena, para compor un complexo ensaio cheo da complicidade afectiva e intelectual que emanaban estes textos.
O ciclo péchase cunha selección de curtametraxes que nos permiten descubrir o talento en ambas as dúas marxes do Miño, onde hai desde a última adaptación do célebre relato de Castelao “Un ollo de vidro”, a cargo de Noela Gutiérrez, ata a inusual aposta de Laura Pousa titulada “Un país extraño”, na que brilla Rosa María Mateo como protagonista. Polo medio, o recente premio Mestre Mateo para “A nena azul”, traballo de ficción de Sandra Sánchez Cachaza, e “Sombra Luminosa”, de Mariana Calo e Francisco Queimadela.

Comisión de Igualdade
Este ciclo de cine enmárcase nas áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas “Xénero e Documentación”, que pretenden pór á disposición do público información arredor desta materia; a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante e a difusión do Álbum de Mulleres.

Outras noticias que te poden interesar: