NOTICIA

----

Mañá comeza en Rennes un congreso que explora as conexións entre Galicia e Bretaña

Galicia e Bretaña son dúas rexións de contrastes: mar e bosque, rías do norte e do sur, acantilados e montañas... Estas son tamén algunhas características definitorias de ambos os territorios que permiten establecer certos paralelismos. Sobre eles falarán especialistas galegos e franceses en Rennes. A cita titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.

A paisaxe, segundo recolle a Convención Europea da Paisaxe, vai moito máis alá da orografía, ao entendela como un concepto fundamental á hora de informar sobre a complexidade dun territorio, que muda co tempo e coas estacións e que ten implicacións de índole xeográfica, económica, cultural e artística. A dificultade do concepto da paisaxe está presente nos diferentes relatorios que conforman o programa deste simposio que organiza a profesora Christine Rivalan e comeza o vindeiro venres cunha conferencia de Laurence Le Dû-Blayo titulada “Bretagne et Galice: quels enjeux paysagers?”.

O programa
A primeira das sesións centrarase na identidade e paisaxe. O expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, falará destes asuntos a partir da obra da Xeración Nós. “Entre o mar e o bosque: unha paisaxe artúrica na Idade Media” é o título da intervención de Christine Ferlampin Acher. Esa sesión pecha coa intervención de María López Sande que se centrará nos sistemas de información xeográfica.

A segunda sesión fala da representacións das paisaxes. Denis Delouche achegará as impresións dos pintores paisaxistas na Bretaña dos séculos XIX e XX. De seguido, Clarisse Beilleul e Santiago Díaz centraranse nos efectos na creación artística e literaria da paisaxe. Pecha Étienne de Kergariou cun relatorio sobre a importancia da paisaxe na promoción turística entre 1925 e 1950.

O primeiro día inclúe unha homenaxe que a universidade bretoa lle rende a Xesús Alonso Montero con laudatio da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
No segundo día desenvolverase a mesa “Construír as paisaxes”, na que Rebeca Blanco Rotea ofrecerá un relatorio sobre as fortificacións do sur de Galicia na Época Moderna e a súa interpretación na arqueoloxía como elemento patrimonial. Nesta mesa interveñen tamén Edwige Motte, Charlotte Porcq e Olivier David pola parte francesa e Augusto Pérez Alberti e Inés Santé pola galega.

Como peche haberá espazo para dous talleres científicos para abordar dous temas relevantes: por unha banda, as cartografías e os catálogos e, pola outra, as identidades pasaxeiras.

Antecedentes
Na traxectoria do Consello da Cultura Galega constan unha serie de iniciativas encamiñadas a establecer relacións entre Galicia e outros territorios. Isto traduciuse en congresos sobre Galicia-Irlanda ou Galicia-Finlandia así como o realizado en 2017 arredor do tándem Galicia-Bretaña. Este último tivo lugar en Santiago e en Mondoñedo e titulábase “Galicia-Bretaña: un enfoque comparado de dous finisterrae europeos”. Ese encontro aspiraba a marcar unha axenda de colaboracións permanentes, das que agora agroma esta iniciativa na que participan investigadores de ambos os dous países.

A colaboración coa Universidade de Rennes canalízase a través do Centre d’Études des Langues et Littératures Anciennes et Modernes (CELLAM EA 3206) e o laboratorio Espaces et Sociétés (ESO-Rennes, CNRS UMR 6590).
Acción Exterior do Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións. A forma dese tipo de colaboración é continuada no tempo e ten a forma de encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.