O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación das publicacións feministas

Co gallo do Día Internacional da Muller traballadora a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega programou varias actividades arredor desta data. En colaboración co CGAI está a celebrar a oitava edición do ciclo “Olladas de muller. Creadoras galegas de imaxe”, que pretende dar conta da produción audiovisual feita por mulleres de Galicia e Portugal. Ademais, no marco do proxecto de recuperación documental “A Saia”, subiu tres novas cabeceiras a este repositorio que concentra as publicacións que deixou tras de si o movemento feminista no noso país.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Lúa Nova”, “Alborada” e “Abrente” son as tres cabeceiras que saen nesta nova actualización do proxecto “A Saia”, espazo de documentación en rede que pretende condensar todas as publicacións relacionadas co feminismo en Galicia. De “Lúa Nova” recóllese o único número do que se ten constancia. É un número de multicopista, realizado pola Asociación Galega de Muller en Ferrol e data do ano 1986. Este primeiro número é unha primeira declaración de intencións e está centrado nun tema de máxima actualidade no momento como era a despenalización do aborto. Outra das publicacións, “Abrente”, é o voceiro da secretaria da muller da Intersindical Nacional Galega (INTG) e está especializado na reivindicacion da muller no ámbito laboral. Nel escríbense os traballos da secretaría e tamén problemas laborais. Editouse entre 1986 e 1994 e reflexou a evolución da intersindical.

“A Saia” é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, e ADHUC. Iniciouse en 2012 e toma o nome da da primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O obxectivo último desta proposta pasa por poñer a disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos feminismos e na historia contemporánea.
Nestas publicacións pódense documentar con detalle os debates sobre as accións reivindicativas, o pensamento e as formas de creación xeradas así como as recorrentes revisións sobre a articulación do suxeito político do feminismo.

Ciclo de cine
Desde o mércores ata o sábado, a sede do CGAI proxectaranse oito títulos que escolman algúns traballos feitos por mulleres en Galicia e, como novidade, tamén en Portugal. A programación comezou con “Arte + muller + Galicia”, o documental da comisaria Rosario Sarmiento que dá voz ás artistas que marcaron a creación contemporánea en Galicia nas últimas décadas. Seguiu co último documental da realizadora Xiana do Teixeiro, “Tódalas mulleres que coñezo”, onde varias amigas falan das súas experiencias na violencia que se exerce contra elas por cuestión de xénero. Unha obra militante que nos forza a posicionarnos ante un debate de extrema actualidade. Na escolma tamén está “Trinta lumes”, de Diana Toucedo, que nos introduce no mundo misterioso e fascinante do alén a través duns rapaces que viven no afastado Courel, nunha aposta que se atopa entre a ficción e o documental.

No marco do audiovisual feito por mulleres portuguesas está preséntase “Correspondencias”, filme de Rita Acebedo que retoma as cartas entre os escritores lusos Sophia de Mello Breyner Andresen e Jorge de Sena, para compor un complexo ensaio cheo da complicidade afectiva e intelectual que emanaban estes textos.

O ciclo péchase cunha selección de curtametraxes que nos permiten descubrir o talento en ambas as dúas marxes do Miño, onde hai desde a última adaptación do célebre relato de Castelao “Un ollo de vidro”, a cargo de Noela Gutiérrez, ata a inusual aposta de Laura Pousa titulada “Un país extraño”, na que brilla Rosa María Mateo como protagonista. Polo medio, o recente premio Mestre Mateo para “A nena azul”, traballo de ficción de Sandra Sánchez Cachaza, e “Sombra Luminosa”, de Mariana Calo e Francisco Queimadela.

Comisión de Igualdade
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega está coordinada por María Xosé Porteiro e que conta con membros como Carme Adán, Luz Darriba, Alba María Rodríguez ou María Dolores Pereira, entre outras. O seu obxectivo é elaborar vías e medidas para achegar, tanto a nivel de investigación como de divulgación, as contribucións das mulleres á cultura galega e universal, dando forma a propostas que contribúen á incorporación plena das mulleres e das súas producións no decorrer da dinámica sociocultural galega: na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas de fala, no ensino máis e menos formalizado, na Galiza interior e na exterior e, en definitiva, en todos os ámbitos de relacións sociais. Entre as súas actividades destacan a organización das xornadas “Xénero e Documentación”, que pretenden pór á disposición do público información arredor desta materia; a homenaxe anual a mulleres vivas cun traballo relevante así como a difusión do Álbum de Mulleres.