----

A sétima edición de “No bico un cantar” reúne na raia a mocidade galega e portuguesa

A localidade pontevedresa de Tui acollerá o vindeiro 7 de xuño a sétima edición do concerto “No bico un cantar”, unha proposta que xunta música, poesía e mocidade. A cita foi presentada esta mañá por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega quen destacou o valor da proposta deste ano no que “convidamos a nenos galegos e portugueses a cantar para establecer vínculos por riba da raia”. Canda ela estaban Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, xunto co alcalde de Tui, Carlos Vázquez, e o director artístico desta proposta, Maximino Zumalave. A cita xuntará un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona. Nela estrearase a versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.
A sétima edición de “No bico un cantar” reúne na raia a mocidade galega e portuguesa

Son xa sete as edicións deste concerto e catro os poemas seleccionados para cantar a lírica galega e, nesta ocasión, compartida entre a mocidade galega e portuguesa. “O Miño é unha raia que nos une e non unha muralla que nos separa” apuntou Rosario Álvarez na presentación dun concerto que este ano convida tamén ao alumnado da Academia de Música da Fortaleza de Valença e da Academia de Música José Atalaya de Fafe.

Esta edición
Abre o programa “San Campio, Romaría galega”, un poema do tudense Manuel Lago González que foi musicado por Torres Creo e que recrea unha festa moi popular na zona. “Veira d’o mar” é un poema do vigués Pío Lino Cuíñas ao que Reveriano Soutullo lle puxo música. A canción popular portuguesa “Oh rama, oh que linda rama” é o terceiro dos poemas seleccionados nesta ocasión. Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais das pezas. A cuarta obra é “No rego do prado” de Xosé María Álvarez Blázquez; a música para este poema foi composta expresamente para esta ocasión por Alexis Rozas (Santiago, 1990) e o día do concerto será a súa estrea absoluta. Rozas ten unha ampla formación musical, na que destaca o seu grao no Conservatorio Superior de Música da Coruña, na especialidade de Composición Musical; grao en guitarra clásica no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela; e a titulación como Mestre, especialidade en Educación Musical, pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten orientada a súa carreira profesional á formación musical infantil en diversos obradoiros e escolas da cidade de Compostela.

O poema de Rosalía de Castro “Maio longo” pertencente á obra Follas novas pon o peche, como vén sendo habitual desde a creación deste programa.
Esta é unha proposta do Consello da Cultura Galega, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Dirección Xeral de Políticas Culturais, á que se suma nesta edición o concello de Tui. O concerto terá lugar ás 17:30 horas na praza da catedral tudense, logo dun día de actividades lúdicas e culturais preparadas para as cincocentas nenas e nenos participantes.

Detalles deste concerto
O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volve participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto. Repite como mantedora do programa a escritora Rosa Aneiros.
O coro estará conformado por nenas e nenos dos conservatorios profesionais dependentes da Consellería de Educación: Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol), Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo), Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga (Pontevedra), Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Teñen tamén confirmada a súa presenza o Conservatorio Elemental de Música da Guarda, a Escola de Música Municipal de Mondariz, o Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo e a Escola de Música Municipal Vila do Corpus (ambos de Ponteareas), a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, a Escola de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, o Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Escola de Música Municipal de Tui. Ademais, están tamén convidados centros do Porriño e outros de Ponteareas. En total serán alumnos de sete conservatorios profesionais e trece centros de música chegados de Galicia e Portugal.

O concerto ten unha gran complexidade xa que, ao longo do curso académico, todos os participantes van preparando o repertorio nos seus respectivos centros de orixe pero é na mañá do propio día da actuación cando teñen o primeiro e único ensaio en común previo ao concerto.

No bico un cantar
Unha frase do poema de Curros Enríquez a Rosalía, “No bico un cantar”, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario da publicación de Follas novas de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista do concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas. En 2017 fixouse nos poetas mindonienses e, en 2018, nos alalás e transcorreu en Betanzos.