A situación actual e a memoria da cultura galega estarán presentes en Nova York en dúas mesas redondas

O Instituto Cervantes de Nova York e a City University of New York acollen este martes 12 e mércores 13, respectivamente, dúas mesas redondas para achegar novas perspectivas sobre a cultura galega. A primeira delas falará sobre a memoria e a segunda sobre o contexto histórico e perspectivas de futuro da cultura galega. Nelas participa a profesora Dolores Vilavedra, acompañada de personalidades do mundo académico e institucional da galeguidade en Estados Unidos, como Alex Alonso, José del Valle ou John Patrick Thompson. A cita insírese dentro do programa de actos paralelos á exposición “Os adeuses” que se pode ver no Museo da Inmigración de Ellis Island ata o 5 de maio.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A cidade de Nova York acolle mañá e pasado as últimas mesas redondas que buscaban dar a coñecer as migracións e a cultura galegas en clave histórica e comparada. As que se desenvolverán esta semana fan fincapé na diagnose da cultura galega e mais nos debates arredor do pasado recente na Galicia actual, cos títulos “Memoria histórica no presente en Galicia (Historical Memory in present-day Galicia)” e mais “Cultura Galega. Pasado, presente e futuro (Galician Culture: Past, Present, Future)”.
A primeira das mesas, que será na sede do Instituto Cervantes, conta coa participación de Dolores Vilavedra, da Universidade de Santiago de Compostela; John Patrick Thompson, da Montana Strate University; e Alex Alonso, do Brooklyn Collegue, City University of New York (Cuny). Na segunda das mesas trasládase á sede da Cuny. Alí estarán presentes Dolores Vilavedra xunto con José A. Losada Montero da Southwest Minnesota State University; os profesores do centro de acollida, Pablo Martínez e José del Valle.

As primeiras mesas redondas
No mes de febreiro tiveron lugar dúas mesas redondas que abordaron a perspectiva histórica da inmigración galega en Nova York e nas Américas. Baixo os títulos “Inmigración galega en Nova York. Historia e memoria (Galician Immigration in New York. History and Memory)” e “Inmigración galega no contexto das migracións europeas cara ás Américas (Galician Immigration in the Context of European Migrations to the Americas)” expertos galegos e americanos ofreceron un vizoso debate.
Na primeira, celebrada na sede do Instituto Cervantes neoyorquino, tratouse o tema da Galician Immigration in New York na que participaron, ademais de Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC; o xornalista galego residente en Washington, Alberte Avendaño; e mais os profesores James Fernández, catedrático de Antropoloxía da New York University; e Alex Alonso, profesor de Estudos Hispánicos no Brooklyn College (City University of New York). No debate abordáronse as características xerais e específicas da emigración galega ás Américas e nomeadamente á cidade de Nova York, as causas da partida dos galegos cara os EUA, as modalidades de inserción socio laboral dos inmigrantes galegos na cidade, o seu protagonismo dentro da comunidade ibérica, e mais a evolución recente da comunidade galega nos EUA -e de Nova York en particular- con especial atención ás últimas vagas de inmigrantes posteriores a 1945 e mais á situación actual das institucións galegas na cidade.

Unha das máis prestixiosas institucións académicas do mundo, o Barnard College, da Universidade de Columbia, acolleu a segunda das citas previstas para falar sobre Galician Immigration to the US and Latin America in comparative perspective, na que participaron o profesor José C. Moya, da Columbia University (un dos máis asonados especialistas mundiais na análise comparada das migracións) e os profesores Alex Alonso e Núñez Seixas. No evento, que tivo boa acollida polo público, salientáronse as características xerais da emigración galega cara a América nunha perspectiva comparativa con outras nacións emigrantes europeas (dende os irlandeses aos italianos); os matices diferenciais entre a súa inserción socio laboral nos EUA e mais nos principais países receptores da América Latina, e as principais características dos relatos literarios e memorialísticos verbo das migracións galegas. O debate posterior aos relatorios foi boa mostra do interese que as migracións galegas espertan no mundo académico norteamericano, e constituíu unha consagración da escola de estudos migratorios galegos e mais da actividade que nese labor vén desenvolvendo o CCG dende hai máis de quince anos.

A exposición
Ata o cinco de maio no museo de Ellis Island se pode ver chega unha versión da exposición “Os adeuses” composta por 50 imaxes divididas en tres seccións: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados, e o “Santa María”, que toma o nome do coñecido transatlántico portugués secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) no 1961. Nesta parte pódese seguir a ollada dos secuestrados e mais dos seus familiares cando se atopan no porto de Vigo. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí, composto por millóns de negativos, froito de anos de traballo.
A mostra exhíbese en Nova York despois de itinerar por numerosos países como Brasil, Portugal, Arxentina e diferentes espazos en Galicia e está previsto que nos próximos meses se poidan anunciar novos destinos.