NOTICIA

----

Isabel Burdiel presenta no Consello da Cultura Galega a súa biografía de Emilia Pardo Bazán

O Consello da Cultura Galega acollerá o venres 15 de marzo, ás 12:00 horas, a presentación de "Emilia Pardo Bazán" (Taurus, 2019), a biografía da escritora galega asinada por Isabel Burdiel. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, acompañará á autora da publicación xunto cos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Manuel González Herrán, Ramón Máiz, e Ramón Villares.

Isabel Burdiel é catedrática de Historia contemporánea da Universidade de Valencia, gañadora do Premio Nacional de Historia de 2011 pola súa biografía de Isabel II e regresa ao Consello da Cultura Galega para falar outra vez de Pardo Bazán. En 2015 participou no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) para falar das relacións entre historia, literatura e biografía, as tres grandes áreas de traballo nas que destaca a historiadora. Autora de numerosa bibliografía, Burdiel é especialista en historia política e cultural do liberalismo europeo do século XIX, con especial interese nas relacións entre historia e literatura e nas posibilidades da historia biográfica. Foi Premio Nacional de Historia pola súa biografía sobre Isabel II. No seu currículo destaca tamén a dirección da Rede Europea sobre Teoría e Práctica da Biografía / European Network on Theory and Practice of Biography.

Esta biografía supón un novo achegamento á figura de Emilia Pardo Bazán, pero desde un punto de vista non explorado ata o momento, como é a súa opinión política, moito máis marcada do que foi considerada ata o momento. Explica a editorial que se trata dunha visión da escritora fondamenta nacionalista española, cosmopolita e moi europeísta.

Outras noticias que che poden interesar