O Consello da Cultura Galega inicia contactos con fundacións de ámbito literario para futuras colaboracións

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta semana un encontro de carácter informal cunha serie de fundacións galegas de ámbito literario para coñecer da súa situación, intereses e necesidades de cara a futuras colaboracións. A xuntanza encadrouse no marco dunha rolda de contactos que a actual Executiva do CCG está a desenvolver con entidades de ámbito cultural.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega inicia contactos con fundacións de ámbito literario para futuras colaboracións

Fundación Otero Pedrayo, Fundación Castelao, Fundación Vicente Risco, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Carlos Casares, Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Fundación Curros Enríquez, Fundación Álvaro Cunqueiro, Fundación Uxío Novoneyra, Fundación Gonzalo López Abente, Fundación Eduardo Pondal, Fundación Penzol e Fundación Blanco Amor comparten varios denominadores comúns: o primeiro deles é que están vencellados a figuras literarias; o segundo é que son entidades activas con dinamismo nos seus espazos xeográficos; e o terceiro é que todas elas participaron na xuntanza que esta semana organizou o Consello da Cultura Galega nas súas dependencias para establecer unha primeira toma de contacto.

A xuntanza tiña un cometido dobre. Dunha banda explicarlles o interese do CCG en coñecer de primeira man a súa situación: liñas de actividades, demandas e necesidades. Da outra banda, informalos dunha serie de actuacións do Consello da Cultura Galega que poden ser de axuda na súa dinámica de traballo. Á xuntanza asisitiu a presidenta da institución, Rosario Álvarez, que lles explicou que, seguindo co mandato fundacional, a institución dispón dunha serie de documentos de análise e avaliación que poden ser de utilidade como a “Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI”, “Informe sobre a provisión de postos directivos no ámbito cultural” ou “Informe sobre as Fundacións Culturais de interese galego”. Ademais, explicoulles que o CCG organiza e acolle xornadas e sesións informativos sobre asuntos que poderían ser do seu ámbito de actuación.

A iniciativa da xuntanza foi ben recibida entre os responsables e representantes das fundacións convocadas. No marco da xuntanza puxéronse sobre a mesa problemáticas comúns relativas a formación dos seus profesionais e a necesidade de buscar e coñecer fórmulas de consecución de fondos europeos e capital privado para o financiamento das súas actividades. Ademais, acordouse elaborar un calendario de actividades así como vías de contacto para resolver problemas, asuntos e carencias comúns. Nesa mesma liña, houbo unha posta en común para perfilar unha próxima xornada sobre mecenado que permita un maior coñecemento da situación xurídica de cara a buscar fondos privados que financien proxectos e actividades das fundacións.

Encontros para mellorar o coñecemento do tecido cultural galego
Esta xuntanza de traballo encádrase no marco dunha liña de actuación da actual Executiva que busca coñecer de primeira man a situación de entidades e axentes culturais tanto públicos como privados para ter un maior coñecemento e unha maior capilaridade coa realidade cultural galega en boca dos seus propios protagonistas. Os encontros comezaron o pasado mes de novembro cunha visita ao Museo de Pontevedra.