“Este informe que hoxe presentamos é o resultado dun longo proceso de traballo que entra dentro do noso mandato fundacional” indicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Unha liña de traballo na que a coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Porteiro, engadiu que con este informe “estamos facendo un traballo pioneiro para normalizar e identificar as mulleres na historia”. Foi unha das autoras, Dolores Pereira, quen xustificou a pertinencia xa que “a inexistencia de criterios de xénero á hora de organizar, describir e difundir os datos fai que, no fondo, esteamos perdendo información sobre o noso país”. E dixo máis, “por vez primeira se analiza a situación dos arquivos e centros de documentación tendo en conta unha perspectiva de xénero e feminista”. O documento peneirou en todos os arquivos públicos: autonómicos, locais, provinciais, centros de titularidade estatal xestionados pola Xunta de Galicia, órganos estatutarios e universidades, que sumaron un total de 58 arquivos. “Buscamos por todas as partes, chamamos aos concellos para coñecer, na medida do posible, quen se encargaba dos seus arquivos, a súa formación e ir pouco a pouco elaborando a descrición desa realidade” puntualiza Dolores Pereira.
Principais conclusións
O informe é claro e preciso na investigación realizada. “Todos os datos son relativos a Galicia pero pódense extrapolar ao conxunto dos arquivos públicos do Estado”, di o propio texto. En primeiro lugar, destaca o ermo total que existe no tratamento con perspectiva de xénero na documentación que gardan este tipo de centros. Unha iniciativa pioneira neste sentido foron as xornadas “Xénero e documentación” que organiza o Consello da Cultura Galega desde 2012 . No informe constátase un incumprimento da tres leis en vigor: a de arquivos, a de igualdade e tamén a de transparencia. Na Lei de Igualdade, tanto porque non se empregan descritores de xénero como porque se segue a empregar a linguaxe discriminatoria; ou na de transparencia, porque non existe acceso libre á información nos sitios web sobre as e os profesionais destes espazos.
Outra cuestión que detecta o estudo é a falta de dotacións. Urxe a creación de arquivos centrais e a nivel local faltan arquivos e arquivistas. Dos 313 concellos galegos, unicamente 32 contan con servizo de arquivo. Daquela, unha das conclusións máis importantes é a demanda da elaboración dun Plan de Arquivos de Galicia, que dea cumprimento ao mandato recollido na Lei de arquivos e documentos, que sinala que “é preciso para a configuración, organización, integración, servizo e difusión dos arquivos de Galicia”.
O documento tamén considera que se deben incorporar perspectivas de xénero nas ferramentas de difusión do patrimonio documental (PARES Portal de Archivos Españoles; Europeana; Hispana; Galiciana...), así como nos instrumentos de organización e de descrición dos fondos documentais. “Isto permitiría obter información máis precisa sobre a presenza de homes e mulleres en toda canta actividade nos interese estudar” engade Pereira.
Por outra parte, as autoras do texto tamén propoñen a desestacionalización da información; é dicir, que as posibles actuacións ou impactos públicos estean desvencellados de datas simbólicas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro. Polo tanto, actuar de xeito planificado e sistematizado para que este tipo de información estea na sociedade pública con normalidade e regularidade.
Usuarios e arquivistas
O informe dedica dous apartados a analizar con detalle os dous perfís que xiran arredor dos arquivos: as persoas que traballan neles e as que os usan. Con respecto ás e aos arquivistas destes centros, o documento contabiliza un total de 117 profesionais (de diferentes categorías), dos que 92 son mulleres e 25 son homes. Aínda que revela un incremento de presenza masculina neste tipo de postos, a realidade evidencia que o 78,6% de arquivistas son mulleres. En canto ao perfil das persoas que acoden aos arquivos, no estudo tomouse como exemplo o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, que a raíz deste informe incorporou esta variable. Isto permitiu saber que no ano 2017 atenderon a 1840 persoas, das que 1152 son varóns e 688 mulleres. A directora deste centro, Dolores Pereira, explica que a introdución dese tipo de variable permitiu saber qué asuntos relacionados coa acreditación de propiedades continúan a ser “cousa de homes” e, ao mesmo tempo, que existe unha maior paridade na demanda de información de tipo cultural ou investigación.
O estudo
O informe estrutúrase en varias epígrafes coas que se pretende dar conta da exhaustividade seguida á hora de elaborar o informe. Nelas contémplase desde e a explicación da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o seu traballo en iniciativas en patrimonio documental, ata unha recolleita das experiencias ata o ano 2017 arredor da materia, pasando pola descrición rigorosa dos arquivos e profesionais, como o tratamento arquivístico dos fondos documentais. Respecto á formación, cómpre destacar que ningún dos plans de estudos vinculados á formación de arquivista está proposto desde unha ollada de xénero e/ou feminista.