Reunións coa colectividade abren a axenda da presidenta do Consello da Cultura Galega en Brasil

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reunirase mañá, martes 26, con diferentes entidades da colectividade galega en Salvador de Bahía (Brasil). É a primeira das actividades previstas na axenda da presidenta, quen inaugurará o mércores a mostra “Galicia imaxinada”, que inicia a súa itinerancia por Brasil. O venres participará no acto de homenaxe á galega Rosario Suárez Albán por parte da Assembleia Legistativa da Bahia, que lle entregará a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O Club Español de Bahía é o centro que aglutinou a toda a colectividade de exiliados e emigrados, non exclusivamente galegos. Canda el está a Asociación Caballeros de Santiago, que leva preto de sesenta anos dinamizando a vida cultural de Salvador con cursos e actividades relacionadas coa cultura tradicional galega. Estas son as dúas entidades que ten previsto visitar mañá a presidenta do CCG. Non é a primeira toma de contacto institucional coa Asociación Caballeros de Santiago xa que o CCG a través do Arquivo da Emigración Galega, xa dixitalizou a práctica totalidade dos fondos desta entidade. Nesta ocasión buscará fortalecer as relacións e abrir novas vías de colaboración entre as entidades.

A inauguración da exposición
O mércores terá lugar no Salón Principal da Biblioteca Central do Instituto das Letras da UFBA a inauguración da mostra “Galicia imaxinada”. Canda a presidenta Rosario Álvarez estará Lidia María Batista Branado, superintendente do Sistema de Bibliotecas da UFBA; Alvanita Almeida Santos, vicedirectora do Instituto das letras da UFBA, e Mailson Lopes, coordinador do Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas da UFBA.
Esta exposición retrata a Galicia dos emigrantes: a real e a idealizada. Faino a través de vinte paneis que permiten visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX. Para o seu discurso expositivo emprega revistas porteñas como “Céltiga”, “Suevia” e “Almanaque Gallego”, xunto coas habaneiras “Eco de Galicia” e “Tierra Gallega”, entre outras publicacións. A exposición estará aberta ata o 29 de abril.

Acto de homenaxe a Rosario Suárez Albán
O venres 22, a presidenta do Consello da Cultura Galega asistirá ao acto de homenaxe no que a Assembleia Legislativa da Bahia lle concederá á galega Rosario Suárez Albán a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.
Rosario Suárez Albán é filla de emigrantes galegos radicados en Bahía e docente xubilada do Departamento de Letras Vernáculas da Universidade Federal da Bahia, na que traballou durante case tres décadas. Dedicou toda a súa traxectoria académica a Galicia e á súa cultura. Destacou como expoñente máxima dos estudos galegos en terras baianas e foi a fundadora do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas, que leva máis de corenta anos de actividade. Gran difusora da investigación sobre diversos aspectos relacionados con Galicia, que se traduce nos numerosos traballos que realizou nesta liña, con énfase nos estudos sobre o romanceiro e o cancioneiro tradicionais e sobre a actividade lingüística dos emigrantes galegos en Salvador de Bahía.