O Consello da Cultura Galega participa no III Congreso de Estudos Internacionais da Galiza

“Galicia e a lusofonía perante os desafíos globais” é o título da terceira edición do Congreso de Estudos Internacionais da Galiza, que organiza o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración cunha serie de entidades de Galicia e de Portugal. A cita desenvólvese hoxe e mañá en Pontevedra e nela participa o Consello da Cultura Galega a través de Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, e Emilia García López, responsable de Acción Exterior.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A reflexión de Galicia sobre as posibilidades da lusofonía no mundo global, a participación de Galicia na lusofonía a partir dunha visión propia e as posibilidades e oportunidades da implementación da Lei Paz-Andrade son os fíos temáticos que procura esta cita. O programa artéllase en catro sesións sobre política, economía, sociocultura e xeopolítica.

A participación do Consello da Cultura Galega concrétase en dúas mesas que terán lugar mañá xoves. No marco da sección económica, Hakan Casares falará do estudo que analiza e cuantifica o que supón para Galicia o coñecemento da lingua portuguesa. Pola súa parte, Emilia García será a moderadora dunha mesa na que estarán presentes Luzía Oca, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; Germano Almeida, avogado e escritor caboverdiano, e Elías Torres, da Universidade de Santiago de Compostela.