NOTICIA

----

Gareth Williams e Jorge Álvarez dialogarán mañá no Consello da Cultura Galega sobre América Latina

O 12 de outubro de 2018 un grupo de hondureños iniciou en San Pedro Sula (Honduras) a “Camiñata do Migrante” coa intención de pedir asilo nos Estados Unidos. Polo camiño fóronse sumando migrantes de Salvador e de Guatemala e chegaron a ser preto de seis mil. Mes e medio despois alcanzaron Tijuana (Baixa California, México), onde foron perdendo forza. Non foi a única mobilización social de denuncia da situación actual en Honduras pero si unha das máis multitudinarias e efectistas. Sobre este feito e sobre as correntes fundamentais do pensamento teórico arredor de América Latina falarán Gareth Williams e Jorge Álvarez Yágüez mañá no Consello da Cultura Galega. A conversa Forma parte do ciclo “Pensarmos”, que coordina Carme Adán. A cita poderase seguir en directo desde o web do Consello da Cultura Galega.

O modelo de caravana foi eficaz para estar protexidos das forzas armadas e de mafias un perigoso tránsito. Pero tamén a punta dun iceberg que nos fala de políticas migratorias e de mobilización social, entre outros asuntos. Sobre a situación actual de América Latina desde o ámbito teórico filosófico e político como é o pensamento poscolonial, decolonial e subalternidade, falará mañá no Consello da Cultura Galega Gareth Williams. Este profesor da Universidade de Michigan é autor de libros como “O outro lado do popular: o neoliberalismo e a subalternidade en América Latina” (Duke University Press, 2002), así como dunha serie de artigos que tratan temas críticos como os estudos latinoamericanos culturais e subalternos; populismo, hibridación cultural e consumo; neoliberalismo, literatura e violencia nos Andes; ou posditadura e literatura en Chile e Arxentina, entre outros. Na súa conversa tamén abordará como ver os problemas da sociedade actual a través da literatura mexicana. Como interlocutor de Gareth Williams estará o doutor en filosofía e membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, Jorge Álvarez Yágüez.

O ciclo
“Esta proposta pretende analizar os temas de actualidade que nos abordan todos os días. É un ciclo pensado en forma de diálogo, de intercambio de ideas, de debate porque o valor da palabra está perdido”. Así explica Carme Adán a pertinencia deste foro que convocará cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos.
A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito a respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital onde a mentira é a marca máis distintiva.

O ciclo seguirá con Remedios Zafra(25 de abril), que “continuará ese periplo desde a visión da precariedade laboral que leva consigo, iso si, adornada de entusiasmo. A nova escravitude laboral do mundo dixital é asumida como un agasallo polas e polos millenials”.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.