A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugurou en Salvador de Bahía a mostra “Galicia Imaxinada”

É unha mostra que recolle a Galicia dos emigrantes: a real e a imaxinada. Chámase “Galicia Imaxinada” e visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX e faino a través de revistas porteñas e habaneiras”. A exposición foi inaugurada no serán do mércores pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto con Lidia María Batista Branado, superintendente do Sistema de Bibliotecas da UFBA; Alvanita Almeida Santos, vicedirectora do Instituto das letras da UFBA, e Mailson Lopes, coordinador do Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas da UFBA. A mostra estará aberta ata o 29 de abril e inicia a súa itinerancia por Brasil.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A inauguración da exposición é unha da actividades fixadas na axenda da presidenta en Salvador de Bahía (Brasil). A viaxe institucional conclúe mañá coa participación no acto de homenaxe á galega Rosario Suárez Albán por parte da Assembleia Legistativa da Bahia, que lle entregará a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.

Rosario Suárez Albán é filla de emigrantes galegos radicados en Bahía e docente xubilada do Departamento de Letras Vernáculas da Universidade Federal da Bahia, na que traballou durante case tres décadas. Dedicou toda a súa traxectoria académica a Galicia e á súa cultura. Destacou como expoñente máxima dos estudos galegos en terras baianas e foi a fundadora do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas, que leva máis de corenta anos de actividade. Gran difusora da investigación sobre diversos aspectos relacionados con Galicia, que se traduce nos numerosos traballos que realizou nesta liña, con énfase nos estudos sobre o romanceiro e o cancioneiro tradicionais e sobre a actividade lingüística dos emigrantes galegos en Salvador de Bahía.

Outras noticias que te poden interesar: