
“Hoxe é un día feliz porque estamos difundindo un fondo que ten un grandísimo valor patrimonial” apuntou a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, Cristina Pujales, na explicación do proxecto “Lousas”, que se presenta ao público con 25 unidades que son representativas de todo o fondo sonoro. “Nesta primeira selección hai una mostra da diversidade dos contidos: hai música tradicional, están algunhas das grandes voces da lírica galega, hai exemplos de diferentes procedencias e de diferentes épocas” explicou Pujales. Desde hoxe poderemos escoitar a primeira gravación sonora galega que se conserva, é do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e de 1904; pero tamén rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; composicións como “Alborada” ou “Negra Sombra” interpretadas polas voces líricas máis salientables da época, por exemplo Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto…, entre outros tesouros sonoros. Periodicamente iranse subindo é rede novas lousas coa intención de difundir mostras do patrimonio musical histórico que garda este arquivo.
Este fondo sonoro chega ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns, como unha lousa do himno galego realizada pola Banda Municipal de Barcelona de 1919. O Consello da Cultura Galega encargou a dixitalización dese patrimonio, que se garda nunhas condicións medioambientais óptimas; isto é, temperatura entre 15 e 20 grados e a porcentaxe de humidade entre 40 e 50. Ademais, na rolda destacouse a fraxilidade das lousas que limita o acceso público a ese material, de aí a necesidade da súa dixitalización.
A gravación en pedra
No Estado español as primeiras gravacións en pedra datan de 1899 e prolónganse ata finais dos anos 50. Rexistrábanse en pequenas casas de gravación sonora, sitas nas principais cidades do Estado como Barcelona, Madrid ou Valencia. A evolución das técnicas de gravación en vinilo en 1948 e cinta magnética remataron cos gramófonos e retiraron da circulación este tipo de soportes.
O patrimonio sonoro galego rexistrado en pedra tivo unha dobre presenza: a través dos discos producidos no territorio español e das producións sonoras impulsadas pola emigración radicada nos países americanos.
O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización. En canto á difusión, iniciativas como as que hoxe se presentan contribúen a poñer á disposición do público o noso patrimonio sonoro.